Gaitas no cinema

CULTURA

07 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O outro día vendo a película Un mundo perfecto dirixida por Clint Eastwood e protagonizada por el mesmo e Kevin Costner, entre outros, reparei nunha escena na que o protagonista puña un disco nun vello gramófono e del saía unha melodía en forma de valse titulada Big Fran’s baby que polo visto foi composta polo propio Eastwood. A canción tiña a particularidade de que o instrumento solista era unha gaita, pero cunha sonoridade moi galega. E digo isto porque presumo de distinguir perfectamente o son das gaitas galegas do das escocesas, irlandesas, etcétera.

Farteime de buscar e de preguntar pero non fun quen de atopar quen era o que tocaba esa gaita, mais sooume moi semellante ás gravacións conservadas daquel chamado gaiteiro de Texas, sobre o que xa escribín outra columna. Quizais Eastwood, como director da película e como compositor desa melodía, saiba quen foi o intérprete que tanxeu esa gaita pero non sei moi ben como acceder a el para preguntarlle. O caso é que de tanto escudriñar descubrín centos de películas, series e documentais onde aparecen escenas onde o son deste instrumento ten algún tipo de protagonismo. Certo é que a maior parte desas gaitas son as highland pipes escocesas por seren as máis cinematográficas debido á influencia que tiveron na industria hollywoodense dende hai ben tempo e polo recoñecemento internacional que ten o pobo escocés. O meu colega estadounidense de orixe irlando-escocés Erick Riggler é un dos gaiteiros máis significativos e coñecidos na participación de bandas sonoras do cinema mundial colaborando nalgunhas de moi grande repercusión mediática como Titanic, La sombra del diablo, Master and Commander, Troya, El fugitivo ou Braveheart. Eric é quizais o máis recoñecido de entre todos os gaiteiros que participan neste tipo de traballos, pero hai moitos máis como os míticos irlandeses Liam O’Flynn (participando na película Cal) e Davy Spillane en Rob Roy, Cumbres borrascosas e Michael Collins sen esquecer a oscarizada Barry Lindon con The Chieftains como protagonistas. Hai infinitas pero aquí o deixo porque non chega o espazo, nun próximo artigo parareime nisto mesmo pero dende unha perspectiva puramente galega.