Zarauza mestura en «Malencolía» o terror e a tradición cultural galega

La Voz OURENSE

CULTURA

O OUFF abriu co filme do realizador santiagués, rematado dous días antes

25 sep 2021 . Actualizado a las 10:11 h.

Foi un traballo contra reloxo. Hai nada que Alfonso Zarauza (Santiago, 1973) remataba de gravar as últimas imaxes da súa nova película e aí empezou a conta atrás para chegar ao obxectivo marcado: ter a súa nova obra rematada para poder facer a estrea mundial no OUFF. Custou, como recoñeceu o realizador de Malencolía, pero ao final foi posible e a cinta protagonizou a gala de apertura do festival de cine de Ourense.

Rodada, maioritariamente, en escenarios do Carballiño e do Irixo, tamén con algunha escena en Compostela, Malencolía supón unha nova etapa na filmografía de Zarauza. O director sinalou na presentación que sempre lle gustou o xénero dos filmes de terror, sobre todo as obras americanas, pero que a resolución das películas era algo que nunca o acabou de convencer.

A alternativa do director galego pasa por un traballo de xénero «na liña do cine de terror clásico, pero sustanciado na rica tradición cultural galega», sinalou. As lendas, a tradición oral e todo o imaxinario colectivo galego son, segundo Zarauza, un material que nunca se ten aproveitado no cinema na súa xusta medida. Quería aportar unha singularidade ao xénero e sempre tivo claro que «a malencolía era o factor determinante. Malencolía dun lugar, do pasado, dun ser querido...».

O director confesou este venres que sentía unha satisfacción especial por inaugurar o OUFF. Estivo, sendo un mozo, na primeira edición do festival e, 25 anos despois, volveu como autor da película escollida para abrir a cita: «Pasaron moitos anos, pero aquí estamos». Agradeceu á Deputación de Ourense o apoio recibido para que o proxecto saíse adiante, así como a colaboración e respaldo que lle deron os Concellos do Carballiño e O Irixo para a rodaxe.

Zarauza, que compareceu na presentación xunto aos actores Melania Cruz e Xulio Abonjo, non quixo deixar pasar a oportunidade para reivindicar a cultura nunha cidade na que está a pasar malos tempos. «Ourense é o xérmolo da Xeración Nós e da cultura galega do século XX. Fronte a actitudes como a da Deputación, que aposta pola cultura e apoia aos creadores, hai actitudes como a do Concello. Só un alcalde zoquete pode pensar en ter unha cidade forte sen unha cultura forte. Iso non é posible. A cultura é riqueza material e espiritual, é esencial para unha sociedade mellor», sinalou Zarauza.

A estrea da cinta foi o colofón á gala inaugural na que se entregaron algúns dos galardóns máis emblemáticos do festival: a Calpurnia de Honra Internacional, que recolleu a actriz lusa Leonor Silveira de máns do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Blartar. Tamén Luma Gómez reibiu o galardón da Fundación AISGE a toda unha traxectoria de mans de Isabel Blanco; e o produtor Alfonso Blanco o premio OUFF Ourense. Este ano o certame entregaba tamén por vez primeira o premio OUFF Chano Piñeiro, que foi para Beli Martínez. Sen contar a emoción dos galardoados, o festival arrancou también cunha sentida homenaxe a Fernando Fernán Gómez e Luis García Berlanga, primeiros espadas do cine español que estarán presentes nesta edición por mor do centenario do seu nacemento. A música de Cómplices aderezou este arranque do festival que durante nove días vai ofrecer 71 proxeccións, talleres, exposicións e outras actividades paralelas que converterán a Ourense na capital galega do cinema.