Juan Durán converte nun ballet a traxedia de Hildegart

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Imaxe do xuízo a Aurora Rodríguez Carballeira pola morte da súa filla Hildegart.
Imaxe do xuízo a Aurora Rodríguez Carballeira pola morte da súa filla Hildegart. Biblioteca nacional

A Filarharmonía estrea a música dunha obra que o autor espera levar a escena

07 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«A historia de Hildegart fascínanos a todos: ten todos os ingredientes da traxedia clásica». O compositor Juan Durán (Vigo, 1960) resume a atracción que sentiu pola figura da rapaza prodixio que foi educada pola súa nai, Aurora Rodríguez Carballeira, para acadar a perfección e atopou a morte por man da súa propia proxenitora. Esa traxedia inspirou novelas, películas e obras de teatro. E agora tamén se converte nun ballet composto por Durán e que estrea a nova temporada da Real Filharmonía de Galicia, con concertos este xoves en Santiago (Auditorio, 20.30 horas) e este venres en Ferrol (Auditorio, 20.30 horas).

Hildegart supón un novo xénero compositivo para Durán, aínda que se trata dun mundo co que garda unha gran familiaridade, xa que nos seus inicios como músico foi pianista seis anos nunha escola de ballet. O reto pasaba por evocar a historia de ambas mulleres mediante unha música que ademais dun discurso sonoro de seu puidese engadir unha nova capa narrativa cando se represente coa danza. Trátase dunha «música moi estruturada, cun peso moi especial nos elementos rítmicos e de grandes contrastes», describe o seu autor. «A danza contemporánea ofrece unha gran versatilidade de propostas, o que me proporciona unha gran liberdade para a posta en escena», engade.

O compositor Juan Durán
O compositor Juan Durán EDUARDO PÉREZ

Ademais, o ballet enmarca ás súas protagonistas no seu tempo histórico, o período de entreguerras do primeiro terzo do século XX. Unha estética que levou a Durán a pensar en filmes como Metrópolis ou O gabinete do Doutor Caligari e nas ideas que circulaban naquela altura. «O ano da morte de Hildegart, 1933, é tamén o ano no que Hitler sobe ao poder. Nese momento, en España vívense tempos moi turbulentos. A música, intencionadamente evocadora, trata de debuxar ese ambiente de entreguerras con elementos case de música militar. Imaxino a Aurora vestida co uniforme das SS asasinando á súa filla, como diante dunha execución», explica o compositor. Unha vez estreada a música de Hildegart, Durán márcase como obxectivo a súa representación. Tendo en conta que un ballet con música en vivo dunha orquestra é algo «practicamente imposible en España», o compositor buscará quen poida levalo a escena co acompañamento sonoro gravado. «No ballet o verdadeiro protagonista é o coreógrafo, que é quen ten que crear a propia composición de danza a partir da música e das poucas indicacións do libreto», di sobre as xestións que xa iniciou en Madrid e que espera frutifiquen nun futuro próximo.