María Alonso dá voz no libro «Migrantas» ás mulleres da emigración galega recente
10 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Máis de 300.000 persoas abandonaron Galicia na última década. Nos anos 2016 e 2019 emigraron máis mulleres que homes, mentres que nos demais a proporción se mantivo nivelada. Son datos que cita a escritora, profesora e investigadora María Alonso Alonso (Vigo, 1978) no limiar de Migrantas (Galaxia), un libro no que dá voz a doce desas mulleres do que se podería chamar «nova diáspora», aínda que a autora advirte de que se trata dun fenómeno demasiado recente e que presenta diferenzas substanciais con vagas migratorias anteriores.
Migrantas dá un paso importante nesa dirección, ao poñer nomes e apelidos —os de Aída Alonso, Ana González Chouciño, Sara Estévez, Maika Arias, Rocío Hernández, María Golpe, María Touceda, Marian Ferro, Ana Garrido, Andrea González, Lara Fernández e Eva Figueroa— a enxeñeiras, profesoras, enfermeiras, xornalistas e artistas, entre outras profesións que viven e traballan fóra de Galicia. Doce conversas que acadan un raro equilibrio entre profundidade conceptual e mais emocional, seguramente porque María Alonso coñece a experiencia migratoria logo de sete anos en Edimburgo.
Migrantas apunta tamén ás causas detrás das estatísticas. Por exemplo, non é casual que medrase o número de mulleres emigrantes cando coincidiu un alto número de titulacións universitarias en Galicia cun paro xuvenil do 51 %. «Este desemprego afectou ás mulleres, como sempre acontece, dun xeito maior que os homes», explica a autora. Igualmente, moitas desas tituladas están en posesión dun mestrado ou un doutorado, «que foron gañados posiblemente co fin de adiar a entrada nun mercado laboral colapsado para a xente nova do momento». E outro dato máis: se esas mulleres emigran entre os 25 e os 35 anos, a súa ausencia coincide coa súa idade fértil e na posibilidade dun proxecto de familia. «Estes proxectos, en ocasións, teñen que materializarse no lugar que ofrece esas posibilidades, é dicir, no estranxeiro. Isto está a favorecer a aparición dunha segunda xeración de galegas e galegos nados fóra do país, crianzas que terán que negociar coas súas nais e os seus pais cuestións relativas ao sentimento de pertenza e galeguidade», reflexiona.
Marchas forzadas
Xa que logo, hai unha dimensión de identidade persoal na emigración, pero tamén implicacións colectivas, que María Alonso resume en frases certeiras: «É importante sinalar que a perda de capital humano, por moi neoliberal que soe esta expresión, é unha perda irreparable para o país porque non favorece o dinamismo cultural, tecnolóxico ou económico. É dicir, unha soa persoa que marche forzada por unha situación da que non é responsable, é unha perda irreparable porque é unha persoa que xa non está ‘aquí' (en Galicia), senón ‘alá' (fóra de Galicia)». Unha situación que se relaciona cos esforzos administrativos por propiciar o regreso destas persoas, o que motiva unha nova reflexión: «Parece que agora comeza a haber vontade política para atraer a todo este talento que tivo que marchar, sobre todo ás mulleres con fillos nados no estranxeiro; pero que acontece coas mulleres que deciden non ter fillos? Ou que acontece cos homes ou mulleres que non teñen a máis mínima intención de converterse en emprendedores e queren traballar de camareiros, por poñer un exemplo, cunhas condicións laborais dignas? Acaso teñen que ser as mulleres emigrantes de nova xeración as que teñan que salvar o país da declive demográfica? Esta sería unha responsabilidade moito maior do que lles correspondería».
Unha situación que leva, inevitablemente, á idea do retorno. Un concepto que os cambios económicos en Galicia, a formación dos emigrantes e os avances de comunicación tamén mudaron. «Somos nós as que necesitamos independencia económica para deixar esa síndrome de Peter Pan que fai que con trinta anos sigamos sen atopar unha estabilidade que permita un proxecto de vida autónomo. Coido que quen emigra hoxe en día, xa sexa por motivos laborais ou máis persoais, ten esta necesitade de demostrarse a si mesma que é posible ser independente e gañar experiencias tanto vitais como laborais para enriquecerse dun xeito máis persoal», expón a escritora. A fragmentación que tantas veces se atribúe ás sociedades contemporáneas tamén pode intuírse na nova migración: «Esta nova diáspora é un fenómeno masivo pero que se vive dun xeito máis individual, particular e fragmentado, o que tamén complica o verse identificado na palabra ‘emigrante' nalgúns casos porque este punto de partida é moi diferente do punto de partida que tiñan as nosas nais, avoas, ou bisavoas nalgúns casos».
Os relatos chegados doutras sociedades tamén poden poñerse en relación coa experiencia galega. María Alonso cita o caso de Irlanda, que pasou de ser un país do que tantas persoas marcharon a converterse nunha nación de acollida: menos intervención británica e relixiosa, sumada á independencia económica e política, xunto cun dinamismo que emerxe dende abaixo. «son as pequenas e medianas empresas, as persoas que traballan como autónomos, as que moven o país. Este é o verdadeiro dinamismo que fai que haxa unha bolsa laboral permanente e que podería seducir no caso galego ás mulleres e homes que decidiron marchar nalgún momento das súas vidas a probar volver e intentar un proxecto de vida en Galicia», conclúe.
María Alonso Alonso sabe, ademais, en primeira persoa, das implicacións da marcha, a ausencia e o retorno, o que lle permitiu establecer unha forte conexión coas mulleres que participan en Migrantas: «Este é un libro de conversas que eu sempre concibín dun xeito moi orgánico para que tivese vida propia. Cando sentaba diante do ordenador para prender o Skype e falar de xeito individual con cada unha das participantes, tiña un guión preparado que en moi poucas ocasións seguín porque as conversas nos levaban por un lugar ou por outro. A miña propia experiencia obviamente axudou a conectar deseguida con todas as historias destas migrantas porque temos un punto de partida común que invita a unha reflexión profunda e pormenorizada das causas e consecuencias que levaron a todas elas a decidir marchar e traballar no estranxeiro. Eu obviamente entendo a frustración que isto pode chegar a causar, sobre todo cando a palabra ‘retorno' aparece de xeito natural en cada unha das conversas».