Blanca Riestra, premio Blanco Amor por unha novela que retrata A Coruña en distintos momentos da súa historia

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

A escritora Blanca Riestra.
A escritora Blanca Riestra. MARCOS MÍGUEZ

O xurado destacou a mestura de xéneros como a autoficción e o xornalismo en «Aquí empeza o mar»

25 nov 2021 . Actualizado a las 17:02 h.

A escritora Blanca Riestra (A Coruña, 1970) é a gañadora do premio Blanco Amor, fallado este xoves en Ourense. A súa novela, Aquí empeza o mar, foi seleccionada entre os 37 orixinais presentados. O certame está organizado pola Deputación de Ourense, en colaboración coa Fundación Blanco Amor, e está dotado con 15.000 euros.

A novela, presentada baixo o lema O Sumidoiro, retrata a cidade da Coruña a través de diversos momentos da súa historia. O xurado valorou de xeito unánime que a novela «entronca coas tendencias literarias actuais que se cultivan noutros lugares» e destacou a súa mestura de xéneros, xa que no texto conflúen a autoficción, o xornalismo e a novela de memoria. O resultado fai da cidade unha «gran personaxe colectiva», en varios momentos da súa historia recente, «retratándoa cun xeito moi orixinal e vívido, magnético», segundo o fallo. Ademais, enriquece a proposta «un relato xeracional onde se reflicten con acerto as vivencias de protagonistas ficticios, mais tamén reais, que deste xeito quedan xa para sempre inmortalizados».

Blanca Riestra ten xa unha longa traxectoria ás súas costas, principalmente en castelán pero tamén con obras en galego. A súa primeira novela publicouse en 1996, Anatol y dos más, á que logo seguirían La canción de las cerezas, El sueño de Borges e Greta en su laberinto, esta última, premio Torrente Ballester. Ademais, acadou o premio de novela por entregas de La Voz de Galicia con Noire Compostela. Ata o de agora, o seu último libro era Últimas noches del edificio San Francisco, premio Ateneo de Sevilla.

O xurado tivo como presidente a Luís González Tosar e estivo integrado por Luciano Rodríguez Gómez, Mercedes Corbillón Fernández, César Lorenzo Gil e Tensi Gesteira. A entrega celebrarase o vindeiro 1 de decembro nun acto no Liceo de Ourense, coincidindo co 42 aniversario do pasamento de Blanco Amor.