O galego en 2050

CULTURA

03 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns dous meses que se publicou o volume colectivo A lingua en 2050 (Catroventos Editora), e debo confesar que me sorprendeu o escasísimo eco que suscitou nos medios de comunicación. Ideouno e coordinouno Fernando Ramallo, profesor titular de Lingüística Xeral na Universidade de Vigo e membro do Comité de Expertos da Carta para as Linguas Minoritarias do Consello de Europa (2012-2019), instancia desde a que un sociolingüista está en condicións idóneas para debruzarse sobre a problemática das chamadas linguas sen Estado (algunhas delas, como o galego, con algo de Estado, por pouco que sexa). O profesor Ramallo convocou(nos) a 25 persoas para reflexionar sobre o que debería acontecer na sociedade galega nestas tres décadas para que o idioma galego, en abril dese ano, posúa o status de idioma con futuro, con «mil primaveras máis», empregando a feliz expresión de Álvaro Cunqueiro.

Algúns dos nomes convocados quizais eran esperables, entre eles, Darío Xohán Cabana, María Pilar García Negro, Xosé Luís Méndez Ferrín, Henrique Monteagudo, Teresa Moure, Gabriel Rei-Doval e Francisco Rodríguez Sánchez. Debo aclarar, xa, que están presentes bastantes persoas, moito menos coñecidas, que traballan en instancias oficiais de promoción do galego nos ámbitos universitario ou da administración local. Mesmo comparecen nesta enquisa dúas voces importantes do Goberno de Galicia. Sen dúbida, na nómina dos 25, son todos os que están pero non están todos os que son, como acontece en tantas enquisas.

Na miña resposta vinculo intimamente o acontecer da lingua —non pode ser doutro xeito— á condición cultural, económica e social da inmensa maioría da xente de Galicia, condición que depende, en moi boa medida, da Política e dos políticos. Como as políticas imperantes en Galicia, desde o Estatuto de Autonomía (1982), lonxe de potenciaren o idioma, téñeno esmorecido algo máis, imponse pensar noutra concepción e noutra praxe do feito político. Na brevidade desta columna só teño espazo para este colofón: o futuro do galego, no esencial, está nas mans doutra Política, doutras políticas.