Reeditan tres obras «fundamentais para coñecer a figura de Florencio Delgado Gurriarán»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

CULTURA

A presentación da reedición dos poemarios de Delgado Gurriarán tivo lugar no Barco.
A presentación da reedición dos poemarios de Delgado Gurriarán tivo lugar no Barco. Lolita Vázquez

Valdeorras acolleu a presentación dos poemarios do protagonista do Día das Letras Galegas recuperados polo selo Galaxia

18 feb 2022 . Actualizado a las 11:10 h.

«Veño vello de corpo e mozo de espírito». Así empezaba en 1981 a súa intervención Florencio Delgado Gurriarán como pregoeiro das festas do Cristo no Barco de Valdeorras. E coa mesma frase encetaba onte o acto de presentación da reedición que fixo Galaxia de tres poemarios do autor de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), desta volta pola boca de Elva Delgado, familiar do homenaxeado co Día das Letras do 2022. Delgado desbota o seu papel como investigadora da obra e a figura de Florencio, para recoñecerse como interesada en recordalo, xa non tanto como poeta senón como persoa á que sempre lle tiveron gran estima na familia.

Recordaba Florencio naquel pregón que aínda que facía máis de 40 anos que «lisquei» de Galicia e aniñara do outro lado do Atlántico, sempre levaba Valdeorras «chantada no corazón». Aquela era a derradeira vez que o protagonista das Letras volvía á casa tras o exilio. A primeira fora en 1968 e a segunda en 1976.

O historiador e biógrafo Ricardo Gurriarán destacou a importancia da reedición de Bebedeira, Galicia Infinda e O soño do guieiro por ser «fundamentais para coñecer a figura e a obra» de Florencio, que xunto con outras publicacións que se están a facer «redondean» a difusión do poeta. Todo achegamento debe pasar por Bebedeira, o seu «bautismo» no libro e a obra que a directora de As Letras de Florencio (plataforma desde o que se impulsou a candidatura ás Letras), Débora Álvarez, sinalou como perfecta para achegarse ao autor.

Foi en 1934 cando viu a luz de man da Editorial Nós. «Bebedeira é Valdeorras, é toponimia, estacións, ríos, bechos, castiñeiros, plantas, paisaxes... É o buque insignia de Florencio», dicía Ricardo Gurriarán, que tamén leu varias cartas do protagonista do 17 de maio para mostrar a relación con Francisco Fernández del Riego e Galaxia (que publicou Galicia infinda en 1963) ou a súa loita na última etapa «para dar a coñecer os seus poemas de combate e no exilio». E engadía: «Tiña a teima de que O soño do guieiro se coñecera, por ser importante no seu itinerario vital e no seu currículo». O poemario foi publicado en 1986 por Ediciós do Castro, un ano antes do falecemento de Florencio, ocorrido en California.

Gurriarán, que é tamén sobriño de Florencio, buscaba converter a presentación nun acto emotivo e tirou de recordos (lembrando como chorou o poeta ao chegar de novo a Córgomo, para despois poñerse a bailar) e de arquivo sonoro para conseguilo. Así, todos os presentes puideron escoitar a voz de Delgado Gurriarán nunha entrevista recuperada de RNE. «É emblemático ter unha idea da súa voz en vivo», apuntaba. A gravación, de 20 minutos (que inclúe tamén a lectura de varios poemas), foi emitida en 1968 no programa Poetas de Galicia. É unha das poucas mostras sonoras da voz de Florencio.

Material espallado

A reedición feita por Galaxia reúne parte importante da obra de Florencio Delgado Gurriarán, pero aínda queda material espallado pendente de xuntar e reeditar. Son poemas que o de Córgomo publicou en Heraldo Gallego, A Nosa Terra e varias revistas do exilio. Completan a súa produción outros dous volumes: Poesía inglesa e francesa vertida ao galego e Cantarenas.

A reedición dos libros é un dos primeiros actos deste 2022 que estará dedicado a Florencio, sendo a primeira vez que a Real Academia Galega se fixa nun autor do exilio mexicano, un fito sobre o que fixo fincapé Ricardo Gurriarán. Un ano que terá o seu punto máis importante no 17 de maio, unha data na que os actos centrais na súa honra terán como espectadoras en primeira liña ás tres fillas do autor. «Maruxa, Cheli e Carmiña queren vir e están moi ilusionadas co que está pasando», dicía Elva Delgado, que mantén contacto de maneira estreita e especial con Maruxa. As tres quixeron arroupar á poetisa Fátima Delgado (sobriña de Elva) hai apenas dúas, cando viaxou a México para representar unha performance sobre o poeta.