Laxeiro non chegou á pintura para aprender a pintar senón para aprender da tradición e ensinarnos como se podía renovar e revitalizar. Así, toda a súa obra é, no esencial, un diálogo multisecular co Mestre Mateo, un ensino preferente que, ó longo dos anos, se estendeu a toda a pintura contemporánea. Por iso Laxeiro non tiña rivais directos. Porque mentres outros miraban para París, coma faría o gran Colmeiro, o pintor de Lalín xa estaba de volta, sabedor de que non era na capital de Francia onde estaban os seus referentes. El xa descubrira, sendo mozo, que no seu imaxinario e soterrado Marquesado da Romea campaban as personaxes que ían alimentar a súa obra máis orixinal e reveladora, a súa verdade pictórica. Porque Laxeiro sempre lle debeu moito a esa maxia labrega que tiña a súa orixe nos séculos escuros. É dicir, nos mesmos séculos en que xurdía o pórtico da Gloria e o propio Apóstolo Santiago se convertera en obra artística e pedra catedralicia.
Coido que non é posible entender a Laxeiro sen esa ollada sobre o pasado. Porque é certo que logo aprendeu moito —e de moitos—, pero nunca deixou de mirar de reollo ás figuras que primeiro o inspiraron. Porque era nelas onde estaba a súa auténtica raíz creativa e a maxia das súas pinceladas en permanente evolución.
Mais ¡claro que hai distintos períodos creativos na obra do pintor de Lalín! Pero sempre é doado descubrir o verdadeiro fío condutor que o guía e que non lle permite afastarse da súa propia autenticidade. Por iso Laxeiro é un grande mestre-pintor: ¡porque nunca se deixou arrastrar polos demais nin cedeu nos seus principios!
Hai tantas etapas na vida de Laxeiro coma lugares nos que viviu: Lalín, Cuba, Madrid, Bos Aires, Vigo… ¡E sempre aprendendo! Mais nunca se deixou engaiolar polas modas do momento. Por iso a súa obra ten unha unidade esencial, con evolucións certas, sen rupturas, mais si cun pulo renovador. Fusionou modernidade e tradición á súa maneira, sen se desfigurar. Así o recoñeceron grandes pintores vangardistas como Manuel Millares, do grupo El Paso, que viu nel a un artista que trazou unha liña particular dende O Greco e Goya ata Picasso.