Dezaoito concellos crean o colectivo Alingua para impulsar o galego

La Voz

CULTURA

Denís Estévez / Alingua

A asociación fomentará proxectos conxuntos de dinamización lingüística

21 mar 2022 . Actualizado a las 21:47 h.

Proxectar o galego con fachenda. Ese é o obxectivo de Alingua, a asociación formada por 18 concellos para fomentar proxectos conxuntos de dinamización lingüística e darlle resposta aos múltiples retos que o galego debe afrontar. Na iniciativa presentada no Auditorio de Galicia participan os concellos de Santiago, A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Teo e Vilagarcía.

O colectivo Alingua darase a coñecer nunha campaña promocional que conta coas colaboracións das actrices Mela Casal, Melania Cruz e Ailén Kendelman; a cantante MounQup; os xornalistas Gonzo, David Espiño e Patricia Santana; as creadoras dixitais Olaxonmario, Todomalva e Surfeando Libros, o artista Sergio Marey, o escritor Ismael Ramos e a artesá Elena Ferro. Tamén se suman a psiquiatra Iria Veiga, o actor Xosé A. Touriñán, a bailarina Ánxela Blanco, o rapeiro O Rabelo, a influencer Paula Jorge, a maga Sara Rodríguez e o músico Caxade. Ademais, inclúe sorteos para acudir a restaurantes pertencentes ao Grupo Nove. Esta campaña, ademais de dar a coñecer o colectivo, pretende que novas entidades se adhiran á iniciativa.

O alcalde de Rianxo e presidente de Alingua, Adolfo Muíños, destacou o orgullo que supón ter «unha lingua universal». O concelleiro de Políticas Lingüísticas compostelá, Rubén Prol, engadiu que o colectivo quere situar «o galego no centro e aproveitar a forza que xera para potenciar todo o patrimonio» dos concellos.