Volvo, nesta peza, sobre Florencio Delgado Gurriarán, o escritor valdeorrés, exiliado en México, a quen homenaxeamos solemnemente, na «Galicia infinda», na Galicia sen fronteiras, o 17 de Maio, o Día das Letras Galegas. Aínda que o Cancioneiro da loita galega, publicado na capital mexicana polo Partido Galeguista (1943), non é un libro da súa autoría, trátase dun volume colectivo no que o seu criterio e a súa man de antólogo están moi presentes. El foi, sen dúbida ningunha, o editor literario, ás veces asistido por outros poetas galegos residentes en México, nomeadamente Ramón Cabanillas Álvarez (fillo do gran poeta Ramón Cabanillas Enríquez).
Nesta colectánea de textos poéticos foi Delgado Gurriarán quen achegou máis poemas, catorce, dous anónimos e doce co pseudónimo Nadel. Estamos ante un volume colectivo que os galeguistas refuxiados en México elaboraron con textos elexíacos, patrióticos e de denuncia da represión «feixista» en Galicia, e a Galicia estaba destinada esta publicación que, en moitas das súas páxinas, homenaxeaba aos «mártires» galeguistas (Alexandre Bóveda, Víctor Casas...). Agora ben, estaba tan lonxe México, país sen relacións oficiais coa España de Franco, que á Terra só chegaron, clandestinamente, uns cantos exemplares.
En 1966, Isaac Díaz Pardo fixo unha edición facsimilar desta alfaia da bibliografía galega antifranquista, que eu prologuei. O editor de 1943, Delgado Gurriarán, tamén acolleu no Cancioneiro voces poéticas que residían na Arxentina, a de Emilio Pita e a de Ramón Rey Baltar. Deste autor reprodúcense no Cancioneiro cinco poemas que glosan senllas estampas do álbum Galicia mártir de Castelao, entre elas, estas dúas, A derradeira lección do mestre e Arriba os probes do mundo, palabras testamentarias dun mozo novo no intre do fusilamento. Trátase do primeiro verso da Internacional, acollido, nesta ocasión, nunha publicación do Partido Galeguista. No volume colabora cunha elexía a Víctor Casas unha muller, C. Lamas: Concepción Lamas Barreiro, esposa do galeguista Ramiro Isla Couto. Era a primeira voz feminina do exilio galego.