Raúl Diz musica nun disco a poesía de Delgado Gurriarán

Javier Becerra
Javier Becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Raúl Diz
Raúl Diz .

O compoñente de Os Amigos dos Músicos lanza «De Córgomo a Fair Oaks», un minielepé de cinco temas baseados en pezas do autor valdeorrés

09 may 2022 . Actualizado a las 19:06 h.

Cinco cancións baseadas en cinco poemas de Florencio Delgado Gurriarán, autor ao que se lle dedica neste 2022 o Día das Letras Galegas. Iso é o que contén De Córgomo a Fair Oaks, o disco de Raúl Diz, compoñente de Os Amigos dos Músicos e tamén profesor. De feito, a idea orixinal estaba máis pensada para as aulas que para o estante de novidades discográficas. «Quería facer unhas cancións a partir de poemas do autor que puidese usar cos rapaces no colexio —explica Diz—. O que pasou foi que ao ensinarllas aos compañeiros de Os Amigos dos Músicos, todos me animaron moito a editalas baixo a forma dun pequeno álbum».

O disco fai musicalmente unha viaxe dende o folk de Galicia aos sons propios de América. Un modo sinxelo de musicar as cinco pezas. Trátase de Ao reiseñor, a canción que abre o álbum, un poema de 1923 que permaneceu inédito ata 1999. Os outros catro poemas adaptados — Liorta, Miudezas. Matanza, Dores do agro e Aí vén o maio—, pertencen a Bebedeira, a escolma publicada pola Editorial Nós en 1934.

O disco, producido por Tomás Ageitos, fíxose nun tempo récord. Ademais das présas, o feito de optar por unha instrumentación mínima responde ao desexo e a práctica do músico. «Son os instrumentos que máis domino e que toco habitualmente —sinala—. Tamén é certo que non quería facer nada moi complexo nin con moito arranxo, porque as cancións tiñan que funcionar para traballar con elas no colexio e que o alumnado puidese cantar e tocar diferentes instrumentos por encima». Por ese motivo descartou «temáticas máis complexas ou que estruturalmente fosen difíciles de traballar», optando por «poemas que falan de animais, traballos agrícolas ou das estacións do ano».

Polo de agora o disco pódese escoitar en formato dixital. «Non temos claro se haberá edición física, pero é algo que nos gustaría. Tanto a min como aos compañeiros de Todomedre, o artefacto cultural que temos para dar saída a todo aquilo que nos guste. Aí debémoslle moito a Jaime Mateo, auténtico ideólogo de todo este invento». Mateo, o seu excompañeiro en Os Amigos dos Músicos, faleceu en decembro do ano pasado aos 41 anos.

Tamén é unha incógnita se o presentarán en directo para o público xeral. «O primeiro será preparar as cancións no cole para o festival de final de curso. Despois, xa veremos se hai interese por escoitar as cancións e polo proxecto como tal», conclúe.