Concha Losada xa é presidenta do Museo do Pobo Galego

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

A única candidatura foi apoiada por ampla maioría do padroado

30 may 2022 . Actualizado a las 19:10 h.

«Creo que o primeiro cando chegas a un sitio novo é preguntar moito e estudalo todo». Malia que Concha Losada (Ourense, 1960) xa coñece moitos aspectos do Museo do Pobo Galego, a súa relación coa institución mudou este sábado, cando a súa candidatura (a única que se presentou) foi apoiada por ampla maioría do Padroado. Xa é a nova presidenta do Museo do Pobo Galego.

Concha Losada releva así a Justo Beramendi do cargo e convértese na quinta presidenta e na primeira muller en asumilo nos máis de corenta anos de historia da institución, que presidiron con anterioridade Xaquín Lorenzo (1976-1989), Antonio Fraguas (1989-1999) e Isaac Díaz Pardo (2000-2011). «É un avance moi importante» xa que aínda que a presenza de mulleres se foi incrementando no padroado durante os últimos anos, aínda hai unha maioría masculina.

Canda a Concha Losada, exerce o labor de vicepresidencia María Xosé Fernández Cerviño, que é a ancoraxe con aquel grupo inicial que na década dos 70 comezou o seu labor como gardián da alma de Galicia, e que irá deixando paso a «novos xeitos de facer». Esa, a necesidade dun relevo xeracional, é outra das grandes liñas de actuación das que falaba Beramendi na súa despedida e que agora recolle o equipo de Concha Losada, que completan Lino Lema, que continúa como tesoureiro e Francisco J. Sanjiao, que seguirá como secretario. Incorpóranse ademais como vogais Uxío Breogán e Bieito Pérez.

«É unha candidatura de continuidade en tanto tiñamos experiencia no consello de goberno do museo», explica Concha Losada, e esa continuidade permitirá manter a velocidade de cruceiro naqueles traballos xa en marcha, como as novas salas do museo, á vez de iniciar novos proxectos.

«Hai cousas para as que hai que tomarse un tempo de reflexión e hai outras que significan manter os traballos en curso. As novas salas do museo estanse facendo, non se van paralizar polo pensamento», explica esta profesora do departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da USC que leva vencellada ao museo que agora preside dende hai máis de 25 anos: primeiro como socia e logo con responsabilidades, que iniciou con traballos de voluntariado no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade.

Ampliar a base social

Entre os traballos que non se poden demorar están, por exemplo, os preparativos da celebración do centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos. «Para celebralo adecuadamente o ano que vén hai que preparalo xa, non só dende o museo, senón na medida do posible coordinado con outras institucións. A iso hai que piñerse con moita dilación», explica.

Concha Losada salienta tamén a necesidade de «contar moito co socios» e ampliar a base social do Museo do Pobo Galego e «chegar a todos os concellos, a moita máis xente para que cando se fale do Museo para moitos galegos e galegas sexa algo seu».

Non é que se perdera peso — «creo que dende o 40 aniversario recuperamos moita presenza de xente nova», di a nova presidenta— pero hai cuestións como a «conciencia de país, do uso da lingua de cultura hai que pelexala moito para que se manteña e medre. E se non estamos aí, perdémolo».

E para seguir medrando socialmente, tamén ten que medrar o seu cadro de persoal para satisfacer as necesidades da poboación que se achega ao Museo do Pobo Galego. «Podemos dicir que o persoal, que ten unha implicación profunda, traballa cun nivel de demanda moi forte», di Losada.