O narrador e presidente da Real Academia Galega reedita co selo Galaxia a obra que lle valeu hai trinta anos o premio Torrente Ballester
29 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A cidade dos Césares viu a luz en 1993. Era a cuarta edición do premio literario Torrente Ballester e o xurado concedíao por vez primeira a un orixinal presentado en lingua galega. A obra era de Víctor Fernández Freixanes, narrador e —desde o 2017— presidente da Real Academia Galega (RAG). O autor ten un falar engaiolante e co mesmo interese aborda a súa viaxe polo sur máis afastado de Arxentina e a tradición oral xograresca dos cegos das feiras na infancia. Trinta anos despois, explica que tiña un interese persoal en presentarse ao certame cun traballo en lingua galega, tan válida como calquera outra. Agora volve lanzar co selo Galaxia unha reedición d'A cidade dos Césares para celebrar o idioma, o libro e os galegos da diáspora.
—Hai certas cousas d'A cidade dos Césares que non son habituais agora nin no momento da primeira edición.
—Daquela presentábanse xuntos os orixinais en galego e en castelán. Eu afronto as novelas como un desafío e quería facer algo distinto: repetir non paga a pena na arte. Sentía que estaba poñendo a proba o que estaba a facer e fascinábame a moita información que atopara para O triángulo inscrito na circunferencia e quería empregala para algo máis. Entón pasoume algo, que apareceu a crise típica dos editores, como eu era entón en Xerais. Aos editores ocórrelles que reciben tantos orixinais e ven tanto papel impreso que acaban dubidando deles mesmos. Eu preguntábame ás veces: «A quen lle pode interesar isto?», porque a min me interesaba moito e quizais a outros non. Pero o feito de competir cos orixinais en castelán era algo que me motivaba moito.
—Bebe de grandes autores universais como Faulkner e Otero Pedrayo. Cre que os galegos ollamos o suficiente aos latinoamericanos?
—Eu persoalmente teño unha devoción pola literatura latinoamericana. Podería citar a moitos máis, pero Alejo Carpentier, Ernesto Sabato ou Miguel Ángel Asturias son narradores de moi longo percorrido.
—Dise que sempre é aconsellable tomar distancia do texto despois de escribir, pero trinta anos son moitos.
—Cando volvín ler a obra quedei satisfeito co traballo, recoñézoo. É difícil ler unha novela tempo despois e sentirse así, como lector pero sobre todo como escritor. Eu penso que a literatura é unha especie de xogo de complicidade entre o escritor e o lector. En todo libro hai unha descuberta e o lector é fundamental para levala a cabo, e iso tamén é un desafío para o autor.
—Como deu cun episodio tan afastado e descoñecido da diáspora galega en América?
—Tiven a oportunidade de acceder ao diario de Basilio Vilariño e a documentación do Arquivo Histórico de Galicia, tamén na Biblioteca de América de Santiago, que é impresionante. Cando fun a Arxentina e o guía me levaba polo deserto, sorprendíase moito e dicíame que non entendía por que quería coñecer os nomes antigos. Agora xa non se chamaban así: nin Choele Choel, nin Nahuel Uapi. Moitos cronistas do século XIX levantaron información do mundo indíxena precolombino e eu tiña eses documentos antigos cos que reconstruía a paisaxe de Vilariño como referencia.
—Pensa que a literatura en lingua galega ten lectores abondo?
—Creo que hai lectores en galego, pero o que non hai son falantes. Hai esa crenza de que a literatura axuda a medir o pulso do galego, pero creo que o uso do idioma está na vida e ese pulso débese tomar coas relacións sociais; por exemplo, eu na cafetería da Facultade de Ciencias da Comunicación fíxome moito e escoito aos alumnos falar. Aí é onde está o uso do idioma.