Lois Pérez gaña o Premio Raíña Lupa de literatura infantil co libro «A tribo do mar»
CULTURA
O xurado salientou que o libro está conformado «por diferentes voces que se enfían para amosar un relato que recolle a realidade actual da emigración»
25 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O escritor Lois Pérez (Lugo, 1979) foi galardoado co Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña pola súa obra A tribo do mar. No seu informe, o xurado salientou que o libro está conformado «por diferentes voces que se enfían para amosar un relato que recolle a realidade actual da emigración». Tamén anota que A tribo do mar está narrada «cun estilo áxil e atractivo para o público xuvenil ao que vai destinada».
Lois Pérez é mestre, poeta, escritor e guionista. No eido da literatura xuvenil xa tivo recoñecementos previos. Con A gruta da torre (Xerais, 2022), gañou o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. No eido da dramaturxia, gañou en 2008 o Premio de Teatro Radiofónico da Radio Galega con Saltimbanqui (Xerais, 2008), dirixida e adaptada por Quico Cadaval. Como poeta, publicou LP (2013) e Long Play (Xerais, 2017), e gañou o Premio aRi[t]mar ao mellor poema editado en Galicia nese ano por Blues do rei Bergman=B.B. King.
Coordina a Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e, no eido do ensino público, traballou e promoveu diferentes proxectos de innovación na normalización lingüística do galego na escola, premiados todos eles por organismos oficiais e institucións diversas. Ademais, escribe de rock and roll e literatura no suplemento cultural Táboa Redonda.
O xurado desta edición estivo composto por catro escritoras e un escritor de diferentes xeracións e cuxas obras figuran entre as máis lidas polo público infantil e xuvenil en Galiza, como son Fina Casalderrey, Marcos Calveiro, Antía Yáñez, Érica Esmorís e a gañadora da última edición, Andrea Maceiras. A reunión estivo presidida polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e en calidade de secretaria actuou a xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz. Tamén estivo presente, sen voz e sen voto, a comisaria dos premios literarios da Deputación, Susana Pedreira.
Impulso da lectura
Neste 2022, a convocatoria deste premio compleméntase coa posta en marcha do club de lectura da Raíña Lupa baixo o lema «Non hai idade, hai literatura». A iniciativa, coordinada pola gañadora da anterior edición do Premio Raíña Lupa, Andrea Maceiras, está tendo lugar na biblioteca provincial da Coruña, os últimos venres do mes. Este venres o encontro lector estará protagonizado por Ledicia Costas e Manuel Rivas, e o venres 25 de novembro será coa propia Andrea Maceiras.