Son unha obra colectiva de vinte persoas, e dous títulos máis asinados por Xosé Manuel Pereiro e Santiago Domínguez
16 nov 2022 . Actualizado a las 15:37 h.A Editorial Galaxia lembra o 20 aniversario da catástrofe do Prestige coa edición de tres libros vencellados ao afundimento do petroleiro e a conseguinte marea negra que invadiu as costas galegas. Os novos títulos son a obra colectiva Prestige. 20 anos x 20 voces, Tal como foi, tal como fomos, de Xosé Manuel Pereiro, e Cando choraron as Cíes, de Santiago Domínguez.
Ao cumprirse os 20 anos da catástrofe do Prestige, Galaxia quere sumarse a ese aniversario e contribuír a construción do relato colectivo daquel desastre ecolóxico que marcou un antes e un despois na sociedade galega e que permanece aínda marcado a ferro na memoria de todos os galegos.
Esta contribución editorial materializase na publicación de tres libros que dende distintas perspectivas, xornalística, política, persoal, literaria e visual, pretenden poñer luz e facer memoria daquelas xornadas do ano 2002. O xornalista Xosé Manuel Pereiro en Tal como foi, tal como fomos, que non quere cualificar nin como investigación nin como ensaio, procura na verdade do que pasou naquel naufraxio e posterior marea negra. Explican dende a editorial que o autor, «co brío a paixón do correspondente de guerra, relata o desastre tal como foi, e nos retrata a nós tal como fomos naqueles días en que segundo el sufrimos un trastorno mental transitorio en que a solidariedade, o compromiso e o altruísmo estendeuse como un andazo por todos os recunchos do noso país».
No libro colectivo Prestige, 20 anos x 20 voces, vinte escritoras e escritores galegos, encabezadas pola recente Premio Nacional de Narrativa Marilar Aleixandre, lembran coas súas propias palabras aqueles días incertos e aciagos. «Vinte voces que berran todas a unha como aquel afastado 20 de novembro de 2002. E con elas, os rostros, os acenos e as mans dos que estiveron en primeira liña, os retratos dos voluntarios protagonistas obra do fotografo Jose Luis Abalo, daqueles que loitaron heroicamente contra aquela marea de chapapote que quixo devorarnos mais non o logrou», sinalan dende a editorial.
Ademais os autores e autoras cederon os beneficios deste libro en favor da asociación ecoloxista Adega que dende 1976 traballa en defensa do medio ambiente galego e global do que depende a nosa calidade de vida. O daquela concelleiro vigués, Santiago Domínguez, narra a xeito de diario persoal en Cando choraron as Cíes, aquel día en que chorou o mar e milleiros de persoas se converteron en panos de mans para enxugar as súas bágoas e foron quen de berrar Nunca Máis. Un libro que trata de amor, «dese amor que moitos e moitas lle demostraron ao mar cando estaba estragado pola negrura e a escuridade». Un libro que contén os testemuños de homes e mulleres que, coas súas mans e o seu alento, foron capaces de defender o noso.