Maternidades virtuosas: María do Cebreiro analiza como o neoliberalismo moldea a crianza

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Sandra Alonso

Premio Ramón Piñeiro no 2021, o ensaio é que de saír do nicho de literatura de crianza para amosar como a lóxica empresarial impregna o territorio emocional e da intimidade: «Non precisamos que ninguén nos diga roboticamente identifica unha cara cunha emoción»

08 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando o seu embarazo xa era moi evidente, María do Cebreiro Rábade Villar (Santiago, 1976) atopou en Numax a Celso F. Sanmartín, que lle preguntou se estaba escribindo moito: «Estou escribindo por dentro». María do Cebreiro non precisaba engadir palabra ningunha ao acto creativo máis puro, autosuficiente e fundamental. Pero cando a meniña foi quen de manterse sentada, as verbas volveron abrollar. E canda a filla, María do Cebreiro sentou para escribir. Esta vez por fóra.

Maternidades virtuosas naceu dun estourido, dun impulso. Da necesidade de compartir e dunha vocación de servizo á comunidade. Un libro que non podía estar máis cosido ao tempo no que foi escrito, un ensaio, que non por rápido é superficial, sobre ese acto de creación primixenia profundamente antropolóxico, animal e eterno. Unha crítica a como as prácticas, a narrativa e, en definitiva, o modelo neoliberal, ultrapasaron a que pode ser a última fronteira: a de dar vida e criar. 

A mañá é lenta e ventosa. Sentada, desta volta diante dunha presada de anaquiños de coco, Rábade Villar rememora como se decatou de que había «algo fascinante por pensar» no amplo campo de discurso da maternidade: a relación entre os dispositivos do réxime neoliberal e as prácticas de crianza. 

Esa relación é na que se mergulla ao longo dun cento de páxinas, que van amosando como os tentáculos do capitalismo serodio teñen cooptado os modelos de crianza, do mesmo xeito que xa se introduciran con éxito noutros ámbitos, como o da educación (que se define actualmente a través do tópico da calidade do ensino) e o das aplicacións para atopar parella. É aí onde se tiña estudado como o territorio da intimidade, das relacións interpersoais, algo que debera quedar á marxe deses dispositivos de control, queda cooptado polas prácticas neoliberais. 

«Foi case como un trasvase natural». Rábade Villar, que era nai primeiriza, pero non nova, xa tiña investigado sobre esa invasión capitalista do mundo do eu. Do nós. «Todo o que tiña visto nestas realidades, e que tiña lido sobre elas, pódese aplicar» á maternidade e á crianza: as retóricas, os discursos moitas veces atemorizadores, as prácticas de control securitario...

Se os dispositivos neoliberais poden chegar aí, ao celme dos afectos, poden chegar a todo. Á xestión da vida e da morte. Por iso, malia a que fala de crianza, Maternidades virtuosas, premio Ramón Piñeiro 2021, sae do nicho para abranguer moito máis aló da paternidade e da maternidade. Fala da rede da vida. Da totalidade. De como a narrativa empresarial funciona no ámbito das emocións. As persoas non senten, xestionan. E de identificar, xestionar e validar adecuadamente depende o éxito do proceso de criar, pero tamén da persoa que se está criando. A presión chega a ser insoportable.

«Dende o punto de vista de articulación teórica do libro probablemente ese sexa o punto máis forte» e tamén o máis orixinal. «Ese é un gol que o conservadurismo lle meteu á crianza máis progresista». Moita xente reclama talleres de educación emocional non só para crianzas. Tamén para adolescentes e adultos.

O gran teórico da intelixencia emocional, Daniel Goleman, cuxa xénese de pensamento é neoliberal, di claramente que non hai educación emocional, que o que hai é adestramento emocional. «A arte é a nosa educación emocional, non precisamos que ninguén nos diga roboticamente identifica unha cara cunha emoción, como nos aeroportos a biometría». E, de súpeto «estamos tomando como progresistas libros como El monstruo de los colores: ira, amarelo, cólera, verde, pasión, vermello».

«A validación emocional paréceme algo tan robótico». Consellos benintencionados, que teñen un fondo lóxico: non se debe desautorizar a un cativo que chora. Está ben que expresen o desacougo e non «mirar para o outro lado coas emocións negativas, porque é algo que nos desacouga moito como pais». E como sociedade, que simplemente ignora e borra a dor. «É boa a autocrítica, pero esa especie de verbalización robótica é artificial». Non se trata só de palabras, senón de como se di. «Non vas estar autoprogramándote como unha máquina para dicirlle as frases que lle tes que dicir segundo unha terapia psicolóxica x».

Xorde entón o concepto de normalidade. Do que é normal e non é normal sentir: se o que un sinte non cadra con ningunha etiqueta, ao mellor é porque a emoción non é correcta. Que estamos sentindo mal. E iso é tamén un mecanismo de control neoliberal. «Ese modelo das emocións básicas, bioloxicista, é contestado dende as ciencias sociais e as humanidades». Ler un texto gótico do século XIX fai sentir ao mesmo tempo pracer e medo. «Na maior parte das experiencias polas que a vida paga a pena ser vivida as emocións danse nun espectro moi ambiguo». E solapadas. A pregunta é se queremos, como sociedade, camiñar cara a unha especie de «calma lobotomizada» na que só se experimente unha emoción de cada vez. «Non é o mundo no que eu quero estar».

Un dos lugares onde a intelixencia emocional ten enraizado con forza é o das redes sociais, nas que converxen distintos dispositivos de control neoliberal: expertos e expertas en crianza, nais e pais que amosan unha crianza perfecta e impoluta, posts onde se diagnostican pola vía rápida respostas ao trauma, feridas da infancia e narcisismo das nais. 

«Si creo que os pais e as nais nos temos que responsabilizar do que facemos cos nosos fillos», porque é unha das tarefas máis responsable que se poden asumir, «pero non se pode sobrevalorar a influencia que se ten». E na vida pasan por un moitas cousas: unha escola, un traballo, unhas amizades. No mellor dos casos, miles de cousas. «E volve ser poñer no pai ou na nai, sobre todo na nai, un peso excesivo que creo que é contraproducente». 

 Se cadra, non hai nada máis clarificador de como a crianza se ten convertido nunha carreira competitiva na que a cativada está máis preto de ser obxecto que de ser suxeito que a propia expresión ter fillos, «totalmente lexicalizada cando en realidade non se teñen, porque un feito moi evidente é que se che escapan». Non só pola velocidade á que medran. Tamén porque a natureza mesma da crianza é «ilos soltando». O primeiro corte é o do nacemento, que leva a aceptar «que es un vehículo para que o neno ou a nena veñan á vida. Para min iso é moito máis bonito que o teu fillo te pertenece e tes que escribir o seu destino».

Todo polos nenos pero sen os nenos. María do Cebreiro Rábade Villar reconstrúe a expresión típica do despotismo ilustrado para borrar a polaridade entre o modelo de crianza adultocentrista e o cativocentrista: nos dous operan as mesmas ferramentas de dominio neoliberal, porque «incluso cando queres o enfoque cativocéntrico, estaste atribuindo a ti, como pai ou nai, unha maneira profesionalizante, cultivada, lida». Porque a voz da cativada é silenciada moitas veces.

É incrible como hai que citar, como hai que apelar as fontes: a evidencia científica di que... «No momento que dis iso, estás entrando en terreo enlamado. Estás entrando no terreo que che pide darlle voz ao que o neno necesita dende un saber experto e non tanto dende unha experimentación creativa, de observar o que o neno ten para dicirche». 

Ese Eduard Estivill contra Carlos González, ese campo de batalla con guerras enconadas entre os modelos de crianza, ao final «teñen detrás as mesmas dinámicas, as de perda de autonomía dos fillos e dos pais. Porque os pais tamén están buscando fóra, neses saberes, o que os lexitime a eles para poder ter unha posición fundamentada nesa relación». E porén, as relacións intersubxectivas, sexa de pais a fillos, entre amantes, de amizade, «deberan de tender á horizontalidade, á escoita e á autonomía compartida, sen ten que recurrir tanto a eses criterios do que está ben ou o que está mal». 

«Creo que hoxe a crianza con apego é o modelo dominante». María do Cebreiro Rábade Villar encádrase aí, «pero iso non quita que non poida ser moi crítica». E resume no termo narcisismo parental ese xeito de poñer no eixo central o benestar do fillo para, no fondo «recrearte no ben que o estou facendo, consciente ou inconscientemente». E máis. Demostrar socialmente que se obteñen resultados. «A maternidade e a paternidade son ultracompetitivas». Pero esa competitividade está presente xa en todos os ámbitos afectivos e sociais, onde impera o dar o mellor de un, acadar o éxito emocional. Triunfar, ante todo. 

Críanse sós os fillos?

Na memoria de María do Cebreiro aínda flotan as tardes na casa da súa veciña Estrela, un recordatorio de que houbo un tempo non que a crianza era colectiva. «A que veciña podería ir hoxe para levarlle á miña filla? Eu xa non teño ese recurso». O individualismo feroz, outro dos dispositivos do neoliberalismo, fixo esquecer a crianza colectiva e esfarelou unha sociedade que tomaba como responsabilidade común coidar da cativada. Non é que os fillos se criarán sos. É que se criaban entre todos.

«Cada vez vaise máis a ese concepto de familia illa, case illa utopía». Porque ás veces quérese realizar, a través da familia, un ideal. Dicíao Annie Ernaux, recoñecendo o que fora o maior erro da súa vida: estaba nun matrimonio que a facía infeliz e para que algo cambiara, tivo un fillo. «Como nai, enténdoo moi ben, porque para ben ou para mal, dun xeito ou doutro, os fillos son un cambio profundo». Rábade Villar recolle as palabras da nobel de literatura deste ano para explicar o fenómeno da fuxida cara a adiante, de apartarse do social para refuxiarse na illa do maternal e o paternal, «onde aplicoar todas esas metodoloxías». 

E porén, hai quen defende que hai que abrir as portas á intuición. A deixarse levar. «Lía hai pouco que esa polaridade entre natureza e cultura é moi falsa, porque por un lado a cultura humana é natural, porque somos natureza, e por outro ignórase con esa polaridade que o mundo animal xera formas culturais». 

Un dos descubrimentos máis fascinantes da experiencia da maternidade para María do Cebreiro foi a xestación, da que non puido escribir nada (alomenos por fóra), «e fíxate, escríbese moito de maternidade, de puerperio, do desexo de ter fillos, pero sobre o propio proceso de xestación non se ten escrito moito». Atravesalo fíxoa «moito máis confiada do que era no instinto e na nosa capacidade como animais para lidar con todo ese tipo de cambios e procesos corporais, para o que eu sinto que estamos profundamente preparados».

Ante a morea de opinións que se escoitan, Rábade Villar defende a desconexión para reconectar coa voz interior, coa dimesión mamífera. Pódese aplicar entón á crianza? Pensar un pouco menos e criar un pouco máis? «En xeral, o ser humano, todo o que lle chama educación, e sobre todo a formal, é apartarnos da natureza. É a represión dese instinto natural, visto como un inimigo», como un elemento de barbarie. Se cadra, hai que abrazas unha ética máis natural, «esa reconexión tan necesaria con esa parte de nós que tememos, porque tamén escapa ao control». 

A conversa decorre abrindo portas aquí e acolá sobre un relato enriquecido pola constante (e necesaria por durante moito tempo adiada) discusión. «Eu tamén reivindico que poida haber un espazo e un tempo para pensar que pai queres ser e que queres dar a teu fillo ou a túa filla. Paréceme moi sano». Sempre sabendo que hai que situarse da banda do que non se coñece. Cando estaba embarazada, unha amiga alertou a María do Cebreiro: Coidado, que unha cousa é querer ser nai, e outra selo.

«Ela me estaba previndo dalgo que logo vin que era totalmente certo». O umbral da expectativa, das preguntas que se amorean sobre como e que suporá a maternidade, «na práctica, ante a crianza, esfarélanse, porque están noutro plano, noutra dimensión». Sen querer sacralizar, Rábade Villar defende que a maternidade é unha «mundanza existencial para as mulleres moi forte». Un cambio a nivel molecular.

O falso debate das nais contra as non-nais

«Está moi ben escollida a palabra, porque creo que se pasa moi por riba pola dimensión biolóxica e natural do proceso. É unha experiencia animal e iso transfórmate fisicamente». No debate entre escoller ou non ser nai —«algo que por sorte ou por desgraza todas temos que decidir, porque aínda que non queiramos vánnolo lembrar»— María do Cebreiro Rábade Villar dubida cada vez máis de que realmente sexan decisións o que nos empeñamos en chamar así. «O que chamamos decisións é a nosa vida, é o que nos toca». Fala cómoda sobre un tema para moitas incómodo porque «eu pensaba que non o ía ser. Eu fun esa nai que defendín ante a miña nai que se cadra non ía ter netos e non pasa nada».

Por iso, dende o outro lado do espello, relativiza unha posición identitaria no que a maternidade se refire: «É máis simple. Igual que non quero reificar a identidade de nai, que iso me faga máis sublime, nin máis bondadosa nin máis nada, tampouco quero reificar a outra que me fai máis soberana, porque teño o control. O problema é crer que controlamos tanto, porque iso é unha ilusión. A vida esfarela esa ilusión». A libre elección «é tamén un mito neoliberal».

O debate está contaminado polas posicións de máximos: autonomía, emancipación e feminismo fronte ao cumprimento dun rol tradicional. «Esa liberdade e esa emancipación que as mulleres temos que conquistar, podémolas conquistar dende todas as nosas experiencias». María do Cebreiro dá no alvo: «Gustaríame liberarnos, como mulleres feministas, dese debate, porque non deberamos caer aí». Ese aí e a maternidade como síntoma das tensións e das polaridades sociais. «Convírtese nalgo que te coloca, como muller, nun lugar ou noutro».

A división nai-non nai opaca que a condición de muller, e polo tanto o xénero, opera en todas. Que, por exemplo, os coidados seguen sendo feminizados. «Se unha muller elixe non ser nai, terá pais aos que coidar nalgún momento. E problablemente vai rematar coidando, queira ou non. E iso non dependerá do que ela decida». Alerta Rábade Villar de posicións retóricas que poden ser efectistas, pero que «no ideolóxico non se sosteñen».