Así será a programación do corenta aniversario do Consello da Cultura: «É un punto de partida para os anos que veñen»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A programación foi aprobada no plenario celebrado este xoves, ao que asistiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda
A programación foi aprobada no plenario celebrado este xoves, ao que asistiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda Sandra Alonso

Pasado, presente e futuro forman un nó cultural resistente no que se entrelazan oito foros de pensamento sobre outros tantos temas e que traerá a pensadores como Remedios Zafra, José Luis Villacañas, Peter Kraus e Josep Ramoneda, entre outros

13 ene 2023 . Actualizado a las 15:44 h.

Di o dicionario da Real Academia Galega que resistente é unha cousa que presenta resistencia a unha forza exterior e tamén quen soporta ben o esforzo. É posible que, de ter que escoller un adxectivo que colocar a carón de cultura galega, o máis acaído sexa ese. Resistente. 

O Consello da Cultura Galega cumpre este ano corenta anos e faino atando un nó que entrelaza pasado, presente e futuro. Un nó resistente, abofé, que tira dos fíos cos que xa tecían a Xeración Nós e o Seminario de Estudos Galegos, que borda coas febras que se foron engadindo dende que o 8 de xullo de 1983 se promulgaba a lei da súa creación, e que aínda segue ganduxando novos cabos que lle lanza a diario un país que, malia permanecer cosido á tradición, mudou intensamente durante as últimas catro décadas.

A mudanza, a resistencia, a medranza, a modernidade, o carácter aberto e europeísta que caracterizou sempre a cultura galega. Todo iso vén confluír nese nó que é a programación que celebra o corenta aniversario dunha institución cultural sobranceira que se prepara xa para o que está por vir. «A partir destes 40 anos teñen que vir outros moitos 40 anos», dicía Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura, na presentación dun programa que cose celebración institucional e actividade festiva, que comparte fondos e historia propia e que, sobre todo, pensa como é a Galicia de hoxe e empeza xa a matinar no país que será mañá. Na Galicia dos vindeiros corenta anos e no papel que o Consello da Cultura debe de xogar nel.

Por iso, dende marzo ata novembro, unha serie de oito foros abrirán (se é posible máis aínda), a un debate que sempre caracterizou a institución, un programa que quere «pensar o mundo dende Galicia» e que, tal e como salientou o vicepresidente Xosé Manoel Núñez Seixas, supoñen unha escolma sobre temas nos que as diferentes seccións e comisións que conforman o Consello da Cultura veñen traballando dende hai lustros, pero que ao mesmo tempo supoñen «cuestións candentes da actualidade» que abofé terán reflexo no futuro.

O vindeiro 9 de marzo, e coordenado por Xosé López, persoas expertas de Galicia e tamén internacionais reflexionarán sobre a información no mundo da posverdade, unha xornada na que participarán entre outros, a pensadora Remedios Zafra e o catedrático de Comunicación Audiovisual Emili Prado.

Abril será o momento de debater sobre humanismo e tecnoloxía, nun foro que será coordenado pola profesora da Universidade de Vigo Carme García Mateo, un encontro que servirá para mergullarse nos debates morais que trouxo a chegada da intelixencia artificial. 

En maio, Ramón Máiz, profesor de Ciencia Política da USC, coordina unha xornada que reflexionará sobre a calidade da democracia, cuestión sobre a que teñen posto o foco os acontecementos actuais. A xornada contará coa participación do filósofo José Luis Villacañas.

O 8 de xuño, será o momento de pensar sobre o desafío das sociedades multilingües para o idioma galego, un foro que, baixo a coordinación da profesora da USC Dolores Vilavedra, contará coa presenza do catedrático da Habsburgo Peter Kraus.

Os retos de futuro do feminismo será o tema central da xornada que o 13 de xullo coordina Carme Adán, tralo que haberá unha parada para retomar o ciclo o 21 de setembro falando de sustentabilidade ecolóxica nunha xornada que coordina a profesora de Economía da USC  María Loureiro.

En outubro, a profesora da Universidade de Minho Rebeca Blanco-Rotea será a coordinadora dun foro que permitirá afondar nas interseccións entre territorio, patrimonio e identidade. 

O ciclo rematará falando de modelos para unha economía da cultura no que está prevista a participación do pensador Josep Ramoneda, que se celebrará o día 9 e que está coordinada polo profesor de Economía na Universidade de Vigo Xosé Carlos Arias.  

 En total, serán 40 persoas expertas en cada unha das materias, tanto galegas como doutros territorios, as que se darán cita no Consello da Cultura Galega ao longo dos vindeiros meses nun ciclo de debate que terá nos oito casos unha estrutura semellante: unha parte de mañá na que haberá dous relatorios, que se complementan pola tarde cunha mesa redonda moderada por cada unha das persoas coordinadoras das xornadas que permitirán a abrir o diálogo sobre diferentes cuestións.

Ademais de pensar sobre a Galicia que está por vir, a programación do corenta aniversario —que decorrerá paralela á programación habitual do Consello da Cultura— prevé un acto institucional que terá lugar o vindeiro 7 de xullo, véspera da promulgación da lei que creaba a institución cultural. 

E ademais, a Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a batuta de Víctor Pablo Pérez, ofrecerá en novembro un concerto no que se estreará unha peza composta por Juan Durán para a ocasión sobre textos de Ramón Cabanillas.

A programación especial do corenta aniversario rematará o 30 de novembro cunha xornada especial que, baixo a coordinación de Ramón Villares, historiador, exreitor da USC e expresidente do Consello da Cultura, servirá para reflexionar sobre o papel de organismos como o CCG, sobre o rol dun órgano asesor na actualidade e sobre cales son as expectativas de futuro «para axustar a institución á demando dos novos tempos que están para vir», aclaraba Rosario Álvarez.

De todos os xeitos, a actividade de celebración dos corenta anos de creación do Consello da Cultura comezaron o pasado 1 de xaneiro con diversas propostas, como a publicación diaria dunha fotografía histórica da actividade do Consello que se manterá ata o 31 de decembro. O amplo fondo documental da institución servirá tamén para recuperar mensualmente un audio especial da actividade dunha institución que, cun legado inmenso de corenta anos, inicia a singradura dos vindeiros corenta.