Narciso de Gabriel: «Foi unha mágoa, estes mestres foron unha oportunidade que perdeu Galicia»

CULTURA

O pedagogo recompila as derradeiras leccións de doce docentes galegos no seu último libro

01 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Son dez homes e dúas mulleres as persoas ás que o catedrático da Universidade da Coruña (UDC) Narciso de Gabriel (Baleira, 1955) lles dedica o seu último libro, Os mestres mortos daquel verán (Galaxia). Un título que evoca á novela de Carlos Casares e que é a continuación de Vermellos e laicos. Un exhaustivo traballo no que recompilou o listado dos docentes depurados e apartados do ensino nos primeiros meses da Guerra Civil na provincia coruñesa.

Coa perspectiva que dá o tempo, foi un paso máis alá: coñecer as traxectorias de 12 mestres asasinados. Unhas vidas unidas por unha paixón e un destino comúns, o amor pola ensinanza e unha morte inxusta e prematura.

Os 12 protagonistas deste libro que ilustra en cada capítulo cun debuxo de Castelao son: María Vázquez Suárez, Rafael Fernández Casas, Jesús Álvaro López Brenlla, Mercedes Romero Abella, Rafael Pardo Carmona, Fernando Barcia Veiras, Manuel Rodríguez Castelao e Xosé Losada Castelao, Arximiro Rico Trabada, Víctor Fraiz Villanueva, Ramón Amadeo Figueroa Vilachá e Francisco Ponzán Vidal. 

-Poñerlle cara ás cifras é apelar aos sentimentos?

-É un libro onde se contan historias, tráxicas todas elas, pero realmente exemplares. En conxunto, creo que a lectura dos capítulos permite facerse unha idea do que eran os mestres republicanos, cal era o papel que desempeñaron e as razóns polas que foron represaliados. Espero que os que se animen a ler o libro sexan capaces de sintonizar e mesmo de empatizar con estas traxectorias.

-Menuda xeración, como se ten dito.

-Estou convencido de que un mestre como Arximiro Rico Trabada e unha mestra como María Vázquez Suárez en cada concello de Galicia tería mudado notablemente o panorama do país. Que xeración, si. Eran persoas moi comprometidas coa profesión, que exercían unha gran influencia nos lugares onde traballaban. Foi unha mágoa e unha oportunidade que perdeu España, que perdeu Galicia de gozar dunha xeración de mestres que conectaban coas expectativas que a xente tiña depositadas na escola primaria como unha institución que podía contribuír a que os seus fillos vivisen algo mellor ca eles. A figura do mestre tivo unha relevancia como seguramente nunca tivo na historia de España.

O escritor, pedagogo e catedrático da UDC Narciso de Gabriel.
O escritor, pedagogo e catedrático da UDC Narciso de Gabriel. Marcos Míguez

-A depuración do maxisterio en Galicia mesmo chamou a atención de Pablo Neruda. «Los maestros de Galicia han sido casi enteramente exterminados», escribiu.

-Que Pablo Neruda se fixese eco posiblemente tivo que ver coas noticias que lle chegaban pola prensa na zona republicana. Había revistas como Nova Galiza, con artigos de Dieste ou Castelao —dous dos 12 protagonistas eran curmáns do político de Rianxo e os dous, todo indica, quitáronse a vida—. Afortunadamente, non houbo ese exterminio, pero poucos gremios sufriron, en proporción, tal depuración.

-Por que?

-O franquismo entendeu que a supervivencia deste sector, tan en contacto cos rapaces, podía constituír unha ameazada. Convén diferenciar o proceso de depuración profesional das liortas locais. A do lucense Arximirio Rico Trabada foi unha das matanzas máis crueis. Mutilárono, é realmente para botarse a chorar. Noutros casos creo que houbo instrucións expresas de que había que acabar con eles, Víctor Fraiz Villanueva, mestre en Vigo, tivo dous consellos de guerra. Nas mulleres, sorprende a belixerancia do clero. O crego de Miño bótalle en cara á comisión de depuración que non depurasen a María Vázquez, xa morta. O seu corpo aparecera na praia de Bañobre. De Mercedes Romero consta que foi violada e torturada.

-Moitos dirán: «Outra historia da Guerra Civil!».

-É necesario enterrar definitivamente o silencio. Debemos denunciar a barbarie que pasaron, deixar constancia do importante papel que poderían ter desempeñado de seguir vivos. Aínda que hai xente que segue apostando polo silencio, creo que temos a obriga de reparar no posible a súa imaxe.