O Consello da Cultura acolleu a representación de «Los gustos estragados», composta en 1799 por Melchor López e da que se conserva o manuscrito
22 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Como un inmenso mosaico que nunca deixa de medrar, a cultura faise tesela a tesela. Moitas delas son de xente de acó, pero outras tantas foron colocadas por persoas que chegaron de fóra e que se fixeron parte de nós. É o caso de Melchor López, que veu dos Pirineos, que se converteu no mestre de capela da catedral de Santiago e que onte, por un cachiño, volveu percorrer os corredores do pazo de Raxoi, na praza do Obradoiro, para escoitar de novo o son orixinal de Los gustos estragados, a única tonadilla galega que se conserva e que foi interpretada cun pianoforte restaurado que data de 1805, e probablemente un dos poucos que existen en Galicia.
A interpretación instrumental correo a cargo de Rosalía Gómez Lasheras, propietaria dun piano de mesa que mercou en Alemaña, aínda que o instrumento é de orixe inglesa, feito en Londres. «A historia de como chegou á colección onde eu o merquei non a sei, porque se perde o rastro», explica a pianista. O piano, é da marca Broadwood. «Beethoven tiña un Broadwood tamén, aínda que o seu era de cola, non como o meu», engadiu.
O fortepiano está no seu estado practicamente orixinal. Grazas a que se tocara moi pouco —o uso deteriora os pianos, xa que son máquinas bastante complexas—, a restauración pola que pasou foi moi respectuosa co instrumento, o que trae do pasado un son cunha cor e un volume completamente diferente, ao que os tres cantantes (as sopranos Esperanza Mara e Aida López Carrera e o barítono David Montoto Pintos) tiveron que adaptarse.
A burguesía que estaba medrando naquela época tiña pianos de mesa e tocábanos nas casas. Os fortepianos eran instrumentos domésticos como teatro doméstico é Los gustos estragados, a tonadilla con música de López e letra de Tomás de Iriarte. Ese entretemento familiar explica tamén por que a obra se compuxo para fortepiano e tres voces e non para voces e orquestra, como era habitual. Tan rigorosa foi a representación que se levou a cabo no mesmo edificio no que se cre que foi composta e estreada por primeira vez, xa que no século XVIII o pazo de Raxoi albergaba o seminario en que residía o músico.
A obra é unha das poucas compostas seguindo os criterios propostos na Reforma do Teatro de 1799, o que vén demostrar o carácter pioneiro de Santiago. Ademais, López decidiu intercalar unha muiñeira nas seguidillas coas que remataba normalmente esta peza, o que a converte nunha versión galeguizada da tonadilla escénica.
Los gustos estragados ten un manuscrito ben conservado, un documento moi valioso que retornou á vida grazas á xornada do Consello da Cultura sobre os inicios da música escénica en Galicia coordinada polas especialistas Montserrat Capelán e Cristina Domínguez Dapena. A representación, ademais, foi moi respectuosa coas prácticas dramatúrxicas e incluso se buscou vestiario de época.
«Eu desta obra non sabía nada», recoñece Gómez Lasheras, que reivindica que a recuperación do repertorio autóctono é prioritaria: «Esta é a nosa música. O canon musical occidental está completamente desvirtuado porque só tocamos catro señores e aquí facíase música moi á moda e que seguía tendencias».