Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A biografía de Franco Grande sobre Fernández del Riego crece da man experta de Anxo Rajó

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

CULTURA

Bieito Ledo, María Xosé Caride, Navia Franco e Anxo Rajó, na presentación do libro.
Bieito Ledo, María Xosé Caride, Navia Franco e Anxo Rajó, na presentación do libro. Xoán Carlos Gil

O selo Ir Indo actualiza unha obra de profundidade que editara no ano 2000

29 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando o académico, escritor, intelectual e avogado Xosé Luís Franco Grande presentara, no 2000, a biografía do seu amigo Francisco Fernández del Riego, este aínda lle daba temas para encher máis páxinas do libro editado por Ir Indo, xa que don Paco seguía a traballar, incansable, e fíxoo durante case dúas décadas máis na Fundación Penzol.

Vinte e tres anos despois, trece tras o pasamento do lucense e tres logo do adeus do tomiñés —ambos vigueses de adopción—, sae á luz unha reedición do traballo de Franco Grande: Francisco Fernández del Riego, galeguista de acción e cultura, na que o profesor Anxo Rajó (Vigo, 1973) engade e actualiza os últimos anos de actividade do homenaxeado este ano polas Letras. A obra, que crece deste xeito, presentouse este venres en Vigo, na Penzol, nun encontro presidido pola concelleira María Xosé Caride, en representación do alcalde, Abel Caballero. Entre Rajó, o editor Bieito Ledo e a filla máis nova de Franco Grande, Navia Franco, compuxeron un retrato agarimoso e cheo de lembranzas vividas ao redor do ilustre galeguista de Lourenzá.

O docente, que xa firmara a biografía da poeta Xela Arias hai dous anos, recordou que aquela primeira edición chegara con motivo da homenaxe a don Paco que lle renderan nos Premios da Crítica polo seu 87.º aniversario. «Franco Grande abordou o labor dende un punto de vista moi persoal, porque coñecéronse e quixéronse moito. De ser profesor un do outro pasaron a ser grandes amigos», relatou.

Rajó explicou que a súa contribución foi a de continuar a parte que non puido rematar Franco Grande. «Fíxeno dende a profunda admiración por ambos, e non intentei emular o estilo marcado polo orixinal, pero si engadirlle algo que non fose cousa menor», anota. Encarou unha tarefa de enriquecemento do perfil de don Paco co apoio de tres alicerces: o que lle achegou Marián Vidal, directora técnica da Biblioteca da Penzol, que lle brindou suculentos detalles adquiridos no trato persoal; as múltiples referencias e contribucións que tamén atesourou Bieito Ledo tras moitos anos de afecto; e o propio coñecemento do docente cando, de novo, traballou no selo Ir Indo e de cando en vez acudía á Penzol.

Diante da súa irmá Rosalía e máis familiares, Navia Franco leu un extracto do limiar da obra da autoría do seu pai, no que confesaba que entre as primeiras impresións que tivo de don Paco cando o viu por primeira vez, preto da Porta do Sol, estaba o seu parecido cunha figura clásica: «Pouco a pouco fun decatándome de quen era realmente o meu senador romano, e, antes de ter rematado o bacharelato, tiña xa unha idea aproximada da súa personalidade, do que significaba na cultura galega, de que non era ningún senador romano».

Valorou Navia Franco a transcendencia da obra, «unha homenaxe a un dos homes máis importantes da cultura galega, tarefa que o noso pai acometeu con responsabilidade e amor ao país, como fixo antepoñendo a disciplina e o sentido do deber a calquera proxecto persoal, como xa fixera no seu dicionario, por petición de Ramón Piñeiro e Del Riego, o que foi un acto de servizo, como tantas veces manifestou».

Memorias, biografías e inéditos recuperados

A proximidade da celebración do Día das Letras Galegas propicia a aparición de títulos da autoría da figura homenaxeada ou biografías e monografías sobre algún aspecto da súa traxectoria.

Galaxia, a editorial da que foi cofundador, reedita os seus dous libros memorialísticos, O río do tempo e Camiño andado. Tamén ten unha perspectiva autobiográfica o volume Memorias do París literario, así como Diario da guerra, testemuño en primeira persoa da contenda de 1936. Máis centradas na análise literaria son A xeración Galaxia e Con Pondal en Bergantiños, mentres que Lourenzá é unha achega á súa vila natal. Galaxia tamén publica a banda deseñada O home que valía por mil, de Pepe Carreiro e Antón Mascato; Don Paco. Letras para a arte galega; e Un loitador pola idea de Galicia, de Malores Villanueva. Por último, as conferencias e artigos entre 1932 e 1936, Loitando pola Galicia que non foi.

Pola súa banda, Xerais publica dúas biografías, O legado silandeiro, de Héctor Cajaraville, e Vida e obra dun obreiro do galeguismo, de Ramón Nicolás, así como un volume de conversas con Perfecto Conde. Completa a proposta Galicia, do propio Del Riego.

O 17 de maio La Voz ofrecerá aos seus lectores Francisco Fernández del Riego: a tinta de Galicia, obra de Xesús Fraga, cunha escolma dos artigos no xornal, unha biografía e unha entrevista inédita.