Francisco Fernández del Riego ideou unha celebración do galego que hoxe chega aos 60 anos: o Día das Letras Galegas
17 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.En 1963, a proposta de Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, a Real Academia Galega celebrou o primeiro Día das Letras. A data elixida, 17 de maio, nacía da dedicatoria de Rosalía de Castro dos seus Cantares Gallegos a Fernán Caballero (pseudónimo da escritora Cecilia Böhl de Faber). Eran os tempos escuros da ditadura, tempos difíciles para a lingua galega e para quen, coma Don Paco, se significaran a prol do galeguismo e a democracia. Dende a clandestinidade e aproveitando as mínimas oportunidades que o réxime permitía, tocaba emprender unha reconstrución silandeira, pero no que cada paso pequeno era toda unha conquista.
Así aconteceu con ese primeiro Día das Letras Galegas. A Coruña, Santiago, Vigo e Lugo celebraron veladas literarias e recitais, que foron a semente dun acontecemento que dende entón non deixaría de repetirse cada ano. Non é arriscado pensar que Del Riego sabía, ou polo menos intuía, a lonxevidade que ía ter aquela iniciativa. Tres anos antes, cando La Voz o entrevistou o día do seu ingreso na RAG, xa se amosaba optimista sobre o futuro do idioma. E no ano 2000, cando era presidente da entidade, reiterou a súa confianza: «Sempre o fun, ata nas épocas máis negras. Como non o ía ser agora que as cousas van moito mellor?».
Dignificación
A idea orixinal de Don Paco para a celebración era a de contribuír á dignificación e normalización do galego a través do libro. De aí a escolla de Cantares Gallegos como símbolo para honrar a Rosalía e, a través do poemario e mais da autora, honrar a lingua. O libro era ese vehículo que fixaba e transmitía o coñecemento, dotado de autoridade e nobreza, algo que necesitaba a cultura galega naquel tempo. E o libro formaba parte da paisaxe máis íntima de Don Paco, lector asiduo dende ese momento que cambia a vida de tantas persoas: aprender a ler. A palabra impresa foi unha compaña constante na súa longa vida: ser lector era o seu xeito de estar no mundo. Na vellez, cando empezou a fallarlle a vista, a lectura era o que máis botaba en falta.
Esa celebración arredor da palabra, do libro, da lingua, converteuse nunha das iniciativas máis populares do país. Sobre esas primeiras veladas literarias construíuse un auténtico acontecemento que vai máis alá do sector cultural e implica á comunidade educativa, o tecido asociativo, ata acadar a transversalidade que era o obxectivo de Del Riego. Porque el entendía ben que a lingua, ademais da súa dimensión culta, necesitaba tamén ser un organismo vivo, e que a relación entre ambos eidos era o que fortalecía e aseguraba a supervivencia dun idioma. Pero, se fallaba un dos dous, a debilidade estenderíase ao conxunto. Unha reflexión que non perdeu actualidade, e que se pode aplicar aos retos do noso sector editorial, a apertura de camiños renovados para levar o galego a escenarios internacionais, a diminución e ás veces quebra da transmisión xeracional da lingua. Reflexións que poden atopar ideas inspiradas na obra de Fernández del Riego, pero tamén no seu optimismo e entusiasmo.
Neste 2023 o Día das Letras Galegas, simbolicamente, pecha un capítulo coa homenaxe a un dos seus promotores, unha das grandes obras dun Del Riego que converteu en maiúsculas ata as tarefas máis pequenas. Galicia festexa o legado dun home que en vida se entregou por completo a elevar o país, que deste xeito contraeu unha débeda con el: a de actualizar e renovar ese herdo durante moitas décadas máis.
Lourenzá acolle este mércores os actos centrais da Academia
Este mércores 17 de maio Don Paco regresa á súa vila natal, aínda que a súa memoria entre os seus conveciños segue moi viva. A Real Academia Galega celebra en Vilanova de Lourenzá os actos centrais do Día das Letras, cunha sesión plenaria extraordinaria que terá como escenario o centro de usos múltiples Ponte de Cuñas e que se poderá seguir en directo a partir das 12.30 horas a través da web da entidade.
No acto intervirán Xesús Alonso Montero, Francisco Díaz-Fierros e Margarita Ledo Andión. Alonso Montero abordará o papel que tivo Del Riego como ponte entre a Galicia da diáspora e o exilio interior, Díaz-Fierros centrarase na presenza da paisaxe na obra do homenaxeado e Ledo Andión falará da relación do intelectual cos medios de comunicación, en particular a súa faceta como articulista de prensa. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, será o encargado de pechar a sesión.
Na convocatoria matinal haberá tamén música, a cargo do cuarteto Souto Xímaro, de Lourenzá, e o coro Mestre Pacheco, de Mondoñedo. Non será a única actuación, xa que pola tarde o campo do Mosteiro acollerá as actuacións da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez e, a partir das 19.00 horas, un concerto de Treixadura.
Co gallo dos sesenta anos da primeira celebración do Día das Letras, a Academia tamén abriu unha exposición virtual na súa web sobre os festexos.