Picasso no ballet «Parade»

CULTURA

Detalle do pano para «Parade».
Detalle do pano para «Parade». Picasso

O pintor fixo unha achega orixinal e valiosa a unha obra revolucionaria

14 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Picasso gustábanlle as melodías pegadizas e o espectáculo visual do flamenco, do cabaré e do café cantante. Tamén o atraían os instrumentos musicais polo que suxerían esteticamente, pero a música clásica non lle interesaba. E endebén, cando Cocteau lle propuxo ser o escenógrafo e figurinista de Parade, unha obra revolucionaria que estrearían os Ballets Rusos en París, aceptou e mergullouse no proxecto con verdadeira paixón. Non era para menos. Parade nacía para romper co ballet clásico polas conviccións vangardistas do director Sergéi Diághilev e do seu coreógrafo Léonide Massine, que encargaron o libreto ao poeta Jean Cocteau, o provocador máis activo da cultura francesa, e pedíronlle que elixise o músico e o artista plástico axeitados. Cocteau, que se guiaba pola máxima «o xenio na arte consiste en saber ata onde podemos camiñar demasiado lonxe», non tivo dúbida: o pianista e compositor Erik Satie faría a música e o pintor e escultor Pablo Picasso os decorados e o vestiario. Satie estaba ilusionadísimo porque Parade lle daba a oportunidade de continuar o labor de compositor que iniciara con éxito en Preludios para un can e Deportes e diversións; pero era tal a admiración que sentía por Picasso, confiaba tanto nel, que non aceptou ata que estivo certo da súa participación.

A obra Parade estreouse o 18 de maio de 1917 no Théâtre du Châtelet de París, durante a Primeira Guerra Mundial, e ao escándalo polo que a obra tiña de innovadora no texto, na música e na escenografía, sumouse a acusación de xermanófila, sen ningunha razón. Para provocar abondaba o traballo dos creadores.

Diághilev pedira a Cocteau que o abraiase cun libreto novedoso e o poeta presentoulle un argumento sinxelo: o Prestidixitador Chinés, a Nena Norteamericana e dous Acróbatas tentaban atraer o público ás súas respectivas carpas, pero ningún conseguía que a xente pagase por ver os espectáculos; e todos, artistas e espectadores, remataban derreados. Cocteau daba indicacións sobre os efectos sonoros que deberían producirse en determinados momentos.

Detalle do escenario de «Parade».
Detalle do escenario de «Parade».

A intervención de Picasso recorda a do gánster Cheech na película de Woody Allen Balas sobre Broadway, que asiste aos ensaios dunha comedia na que actúa a amante do seu xefe. A trama non lle gusta e suxire cambios atinados nas máis das escenas, que o autor acepta de bo grao. A obra resultante é perfecta, o gánster síntese coautor e mata a amante do xefe, que é unha pésima actriz, para que non a estrague. Se Picasso non chegou a asasinar a Cocteau foi porque o libretista cedeu ás modificacións que lle impuxo. Picasso tiña claro que por moito que se buscase impactar e provocar, o resultado artístico debería ser incuestionable; que todo na obra debería aspirar á transcendencia, e por iso reduciu ruídos innecesarios do proxecto inicial, que ían do tecleo da máquina de escribir ás bucinas de barcos, disparos de pistola, etc. Porén, a innovación máis importante foi a posta en escena de tres Mánagers que se contrapoñían aos protagonistas humanos creados por Cocteau. Representaban os negocios, a competencia e a propaganda, e no escenario eran autómatas que acenaban compulsivamente e creaban cos pés un ruxerruxe rítmico nos silencios e entre os distintos números. 

Un Picasso ecléctico

O pulo creativo de Picasso en Parade enténdese porque nos anos 1916 e 1917 era consciente de que o cubismo non daba para máis e enfrontábase ao reto de substituílo pouco a pouco. O telón de Parade foi un novo e formidable experimento. Pintouno en Italia, despois de emocionarse con Rafael e de namorarse de Olga Koklova, a bailarina dos Ballets Rusos, que sería a súa dona. Non fixo un telón cubista, como todos esperaban, senón un lenzo co que iniciaría o «segundo período rosa». En realidade o Picasso de Parade foi absolutamente ecléctico e na representación alternou esculturas cubistas con outras modernistas e a da Nena Americana absolutamente realista.

Dous dos «Managers» de Picasso, o Americano (esquerda) e o francés.
Dous dos «Managers» de Picasso, o Americano (esquerda) e o francés. Picasso

Non é doado saber por que Picasso renunciou a facer Parade con estética totalmente cubista cando acadara tal dominio do estilo, que tiña o éxito garantido. É probable que vise en Parade a oportunidade de ofrecer ao cubismo a súa apoteose, pero tamén a de anunciar unha nova etapa creativa. No cubismo conseguira todo e, aínda que non o deixaría completamente, sentía a necesidade de cambiar. Parade é, pois, unha obra de transición cara unha arte picassiana máis realista e con crecente presenza cada día.

Malia os escándalos que se producían en cada representación, axiña se recoñeceu que os creadores de Parade fixeron a obra clave para o nacemento do ballet contemporáneo. Satie foi o gran triunfador porque se consagrou como compositor, pero el e todos sabían que a aportación máis orixinal e valiosa fora a de Picasso.