O xurado destaca as altas cotas de emoción e capacidade reflexiva do texto
10 oct 2023 . Actualizado a las 13:49 h.Trinta e catro obras, «todas de moitísima calidade», e un so gañador, Rafa Vilar (Cee, 1968) que suma así un recoñecemento máis á súa longa traxectoria ao acadar por unanimidade o premio de Poesía Afundación na súa XXI edición. Faino coa obra «Os lugares da memoria», que presentou co lema «Enheduanna». O xurado destacou na lectura do ditame as altas cotas de emoción que alcanza o libro, que exhibe «unha capacidade reflexiva facendo uso dunha dimensión metapoética ao mesmo tempo que amosa no poema a realidade do mundo».
Rafa Vilar faise cun premio ao que adoitan presentarse escritores máis noveles, e precisamente este feito foi uns dos destacados por Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e do xurado, «a tendencia habitual é que a este tipo de certames se presente xente que quere destacar e comezar, pero neste caso estamos ante un autor que xa ten unha carreira literaria». Unha carreira literaria que vai da poesía á literatura infanto-xuvenil, pasando polo ensaio, a narrativa e mesmo algunha peza teatral, «que un escritor consagrado envíe un orixinal é moi grato. Non é so un premio para principiantes senón un premio ansiado e valorado», insistiu Tosar.
Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura, remarcou que con este galardoado o premio segue a cumprir o seu papel de recoñecer a autores na súa traxectoria vital e a persoas novas, «o que amosa a saúde da poesía galega». Unha saúde que queda ben reflectida polo feito de que Galicia conte con tres premios nacionais nos últimos cinco anos, o máis recente Yolanda Castaño, «e non hai ningún sistema literario que teña tres premios nacionais en cinco anos», dixo Lorenzo.
O Premio de Poesía Afundación está convocado por esta entidade xunto ao Centro PEN de Galicia e co patrocinio da Xunta. Cunha dotación económica de seis mil euros, o recoñecemento tamén implica a publicación do libro na colección Arte de trobar, a única en tapa dura, apuntou o director xeral de Cultura. O presidente do xurado destacou a edición da obra nesta colección de luxo, «que marca un antes e un despois na poesía galega. As editoriais non queren gastar moito en editar poesía», admitiu González Tosar.
María Teresa Cores, coordinadora de cultura de Afundación, apuntou que este é xa un premio veterano e unha referencia para as persoas que se dedican á poesía. En anteriores edicións recoñecéronse obras de Xavier Seoane, María do Cebreiro, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Luís Valle Regueiro, Yolanda Castaño, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña ou Ledicia Costas, a anterior gañadora, entre outros.
Para celebrar o vixésimo aniversario do galardón publicarase unha antoloxía cunha escolma de poemas das vinte persoas gañadoras. Nada máis resolverse o premio o presidente do xurado chamou a Rafa Vilar para comunicarlle persoalmente a decisión. Contento e sorprendido, foi a reacción —apuntou Tosar— «non dun creador que está empezando senón de alguén que xa transitou por varios xéneros». «Eu díxenlle que parase de gañar premios», engadiu Anxo Lorenzo, xa que hai menos de dous anos conseguiu o Ardeiro de poesía, que se suma a outros como o Pura e Dora Vázquez de narración infantil.