Manuel Rivas: «A literatura ten que limpar o medo»

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O escritor Manuel Rivas.
O escritor Manuel Rivas. MARCOS MÍGUEZ

O volume «La tierra oculta» reúne tres libros do autor e unha antoloxía de relatos, «Los habitantes de la dificultad»

28 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«De falar, falarei coa terra», escribiu Manuel Rivas (A Coruña, 1957) no seu poemario Mohicania hai case corenta anos. O verso apunta á interpretación do conxunto da súa obra como un diálogo telúrico, perspectiva que semella confirmar a publicación o vindeiro día 2 de La tierra oculta (Alfaguara), un volume que reúne, nas súas versións en castelán, revisadas agora polo propio autor, tres libros: Un millón de vacas, Os comedores de patacas e En salvaxe compaña. Completan o tomo a antoloxía de relatos agrupada en Los habitantes de la dificultad e unha introdución na que Rivas expón a súa poética, facendo súa unha máxima de Guy Debord: «O máis importante é o máis oculto».

—Xusto o día que sae o seu libro remata o prazo dos orzamentos participativos da Coruña, nos que se inclúe a posibilidade de recuperar o río Monelos, soterrado case por completo. Aí está: o oculto é o importante.

—É o máis importante. Paréceme que esa renaturalización, esa desextinción, ten moito que ver coa literatura. O río Monelos é dos ríos máis literarios que poidan existir porque existe no lado invisible. Para min forma parte da memoria, pero, e por iso é tan necesaria a escrita, moito do que estamos vivindo son cousas que deixan de existir, unha extinción que chega a formar parte do normal. Para min segue existindo o río Monelos porque o vin. Vino con anguías, de Someso cara a arriba, na nacente, digamos. Teño recordos vinculados a ese río e teño esa dor da súa desaparición. Pero o normal é a non existencia do Monelos. Temos que traballar pola desextinción na natureza, pero eu tamén vexo a literatura como un xeito de loitar contra a extinción de moitas cousas.

—No prólogo di que «a primeira ferramenta da literatura é escoitar». A escrita permite escoitar o inaudible, esas baixas frecuencias afogadas polo ruído?

—Paréceme importante subliñar a condición sensorial da literatura. Como traballa a escoita, como traballa tamén a ollada no sentido de ver aquilo que non está ben visto, no dobre sentido, porque está oculto, porque o tapan, pero tamén porque resulta incómodo e produce desacougo o ver determinadas cousas que son necesarias ver. Penso que se hai unha constante na miña procura na literatura coa que máis coincido é escribir con todos os sentidos. Iso significa que todo fala. Fala o ser humano, pero toda a natureza fala...

—Por moito que San Martiño de Dumio lle dixese aos galegos hai séculos que nin as pedras nin as fontes nin as árbores falan...

—Si! É un texto interesante como punto de partida. Sería un pouco a palabra de orde, o primeiro sermón ex profeso dirixido aos galegos. O que xustamente fai a literatura, tamén a literatura popular, é esa condición de seguir mantendo a fala da natureza, de seguila escoitando. É como unha vangarda incesante. Hai textos que podemos ver como un presente recordado, cunha herdanza interesante. Un é a canción de Amergin, que se atribúe a un druída de orixe galega, considerado fundador da literatura irlandesa, aquilo que dicía Robert Graves de que a poesía debería empezar a estudarse nas escolas coa canción de Amergin. Ten esa condición tan actual de dignificación de quen fala de ser capaz de fusionarse coa terra, deixar de ser un instrumento de poder, como adoita ser o ser humano, de dominio, e ser máis ben un máis nesa concepción do mundo como un almeiro, non como unha marca de medo, que é o que estamos a vivir agora. A literatura ten que limpar o medo, atreverse a dicir cousas.

—Vostede di que a Terra percibe ese desamor. Quizais cando a xente di que «o tempo toleou» é a Terra, unha reacción ao desamor.

—Falamos de escoita, e a escoita significa un movemento moi sinxelo, de inclinación. Inclinación para escoitar ao outro, para escoitar a dor dos demais. E nese aceno de inclinación podemos poñer o oído na terra. E o que escoitamos hoxe, como dicía Ferlinghetti en A poesía como arte insurxente, se poñemos o oído na terra o que escoitamos é un latexo angurioso, un berro. O que caracteriza o noso tempo é que é un gran mayday. Hai que acabar con esa fractura de que por unha banda está a terra e por outra a humanidade, porque as nosas doenzas, angurias e desequilibrios tamén están en relación co que pasa coa nosa contorna. Temos que decrecer na cobiza. Iso que algúns ven con desconfianza, como unha especie de delirio ecoloxista, hai que velo como unha nova abundancia. Hai que decrecer a cobiza, a impaciencia, pero iso implica unha nova abundancia, da natureza, da nosa pertenza á natureza. Unha abundancia de lecer, erótica, cultural, creativa. Fronte a tantos agoiros que lle poñen caducidade a cousas como a literatura, mesmo ao xornalismo, vemos como por sorte cada día a literatura desminte a súa extinción. Para min, un libro é un espazo da natureza. Non é só que un libro poida expresar ese mayday da natureza, senón que tamén é o equivalente a un froito, coma unha mazá ou un ourizo, ben animal, ben das castañas. Hai unha palabra galega que é ouriza, que é cando en vez de catro hai cinco castañas. Pois o libro sería unha ouriza: trae con el un froito de máis.

«Paréceme que escribo en círculos concéntricos»

Aínda que en galego son libros vivos, que nunca deixaron de reeditarse, algunhas das versións castelás dos títulos que agrupa La tierra oculta pasáralles o que ao río Monelos, que ficaran invisibles. De aí o seu novo afloramento neste volume, unha oportunidade que Rivas aproveitou para volver aos camiños deses textos. «Pareceume que estaría ben que, xa que había unha reedición, volver a andar ese campo, pero andado como un campo a través, non como unha estrada asfaltada», sostén o autor.

O que atopou foron «fontes que antes non vira, murmurios que de súpeto escoitas». Revisitar eses libros —como hai anos tamén revisitara Mohicania na compilación poética Do descoñecido ao descoñecido— non implicou grandes transformacións na trama, pero si facer «enxertos», sobre todo en Un millón de vacas e Os comedores de patacas. En salvaxe compaña, pola súa banda, mantívose todo o tempo «nunha lóxica do asombro»: «Era o libro que eu querería escribir algunha vez no futuro pero que xa estaba aí», resume un Rivas que non vive iso como un paradoxo temporal porque na literatura rexen outras normas. «Paréceme que o que escribo son círculos concéntricos, e o último que escribín ten que ver co primeiro. Hai aí un punto cero, e o meu é o Libro do Entroido [1980], Mohicania: un núcleo poético no que xa aparece a literatura da natureza», engade o escritor.

Neses círculos, nese volver a andar ou retellar os textos, hai outra constante: «Nunca podes perder a vontade de que a literatura sexa un principio de aventura, sempre. Este traballo de revisión, como revivía a aventura, é velo tamén dende o lado, reafirmarse na condición poética desa aventura. Se á literatura lle podamos esa áurea poética da linguaxe, de poñer a liberdade no corpo da linguaxe, de limpar o medo, o que estamos é contribuíndo ao lado da extinción», conclúe Rivas.