Pretende frear as humidades en espera da rehabilitación integral
23 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Unha intervención de urxencia a cargo da Xunta de Galicia combaterá as humidades que danan o Panteón de Galegos Ilustres. Na véspera da conmemoración do 187 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, anunciouno onte o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, durante unha visita ao convento de San Domingos de Bonaval na que comprobou o estado do monumento e os danos provocados pola entrada de auga polas intensas choivas deste inverno. Esta intervención de urxencia farase en espera dun plan integral de rehabilitación que liderará o Consorcio da Cidade de Santiago.
Román Rodríguez salientou que «este espazo no que descansan algúns dos nosos devanceiros máis ilustres é unha das principais iconas de Galicia, xunto co himno, a bandeira e o escudo», polo que «a obriga de todos é garantir a súa conservación «como símbolo do progreso do pobo galego e de honra á memoria das persoas que máis contribuíron a reafirmar a identidade de Galicia».
Na actualidade estase desenvolvendo a Lei 5/2023, do 4 de agosto, do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, aprobada por unanimidade dos grupos políticos no Parlamento de Galicia co respaldo de diferentes institucións e entidades, na que se contempla a creación da Fundación Panteón de Galegos e Galegas Ilustres. A Consellería de Cultura lembra que esta entidade estará presidida polo propio Parlamento de Galicia e que contará coa participación da Xunta, o Concello de Santiago e a Arquidiocese, co fin de velar pola conservación e xestión deste espazo, no que ademais dos restos de Rosalía de Castro, trasladados dende Iria Flavia en 1891, o que deu lugar á creación do Panteón, repousan os do líder rexionalista Alfredo Brañas (dende 1906), os do escultor Francisco Asorey (1961), o poeta Ramón Cabanillas (1967), o intelectual Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (dende 1984) e o matemático e cartógrafo Domingo Fontán (1988).
A citada lei galega remata coa prolongada indefinición que existía sobre a xestión do Panteón de Galegos Ilustres, posto que non había ningunha normativa sobre os usos que se pode dar a este espazo de enterramento situado nun monumento artístico do século XIV nin sobre as responsabilidades para a súa conservación e mantemento. No ano 2011, o Museo do Pobo Galego, que está vinculado fisicamente ao Panteón de Galegos Ilustres, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e as fundacións Rosalía de Castro, Alfredo Brañas e Castelao, solicitaron ao Parlamento que asumise o coidado do Panteón, e repetiron en distintas ocasións esta demanda, que frutificou a finais de xullo do ano pasado coa aprobación unánime desta lei que rescatou do limbo este recinto.