Negreira, na provincia da Coruña, é o berce dun dos grandes lingüistas nados en Galicia. Dentro do eido da lingüística galega, el foi o segundo fito; o primeiro, obviamente, foi o asombroso padre Sarmiento (1695-1772), de cuxa obra filolóxica o profesor José Luís Pensado Tomé (1924-2000) é o máximo estudoso e reivindicador. Antonte, 6 de marzo, o ilustre lingüista cumpriría cen anos. O día 15, en Santiago e Negreira, asistiremos a unhas xornadas conmemorativas, organizadas polo Centro de Investigación Ramón Piñeiro e coordinadas polo profesor Manuel González González e o escritor Amancio Liñares. Eu terei a honra e o pracer de pronunciar unha das seis conferencias programadas.
A honra e o pracer, pois o profesor Pensado foi o director da miña tese de doutoramento cando el exercía como catedrático de Lingüística Románica na Universidade de Salamanca (Lengua y estilo de Curros Enríquez en su poesía gallega, 1966). Formouse, como lingüista, á beira de Dámaso Alonso, a quen, ás veces, substituía nas clases de Filoloxía Románica cando eu era alumno desa materia na Universidade Central (Madrid); tamén foi o meu profesor na materia de Filoloxía Galega (un cuadrimestre) no curso 1951-1952.
Eran as clases dun profesor de moi amplo saber e non exento de paixón polas palabras, que isto é a Filo-loxía (amor á Palabra, ás palabras). Era un militante non político da causa da lingua galega, que ilustrou en cen eruditísimos estudos. Sen saírse dos seus postulados de estudoso obxectivo, colaborou en Grial, publicou libros en Galaxia e tivo relacións moi cordiais con Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego. Foi tamén un lingüista que, sen faltarlle ao respecto ás leis da erudición, divulgou temas importantes da nosa realidade lingüística na prensa diaria, nomeadamente en La Voz de Galicia, editorial que recolleu en dous grosos volumes moitos dos seus artigos: El gallego, Galicia y los gallegos a través de los tiempos (1985) e Galicia en su lengua y sus gentes (1991). Urxe reeditalos. O primeiro contén un intelixente e incitante prólogo de Gonzalo Torrente Ballester, útil aínda para hoxe mesmo.