Galley Head

CULTURA

Concerto da banda de folk belga Galley Head.
Concerto da banda de folk belga Galley Head.

17 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes días pasados tiven a oportunidade de compartir unha pequena charla cos membros dun grupo de folk belga da parte flamenca chamado Galley Head, que leva 45 anos en activo facendo música dende o tradicional con diferentes influencias e achegas. Eles descubriron Galicia por diferentes vieiros, coñecendo algo da nosa cultura e a nosa música tradicional. Estes días impartiron algunha clase maxistral organizada pola Escola de Música Entresons de Arteixo, e tamén fixeron un par de concertos. Por curiosidade investiguei sobre a orixe do seu nome, e isto levoume a un faro situado no suroeste de Irlanda. Vendo fotos e vídeos dese faro, pensei que ben podería tratarse dunha prolongación da Mariña lucense polo tipo de paisaxe, xeoloxía e incluso arquitectura. Neste punto volveume aquel desexo que tiven nalgún intre da miña xuventude de ser fareiro nalgún lugar da costa galega. Naquela época cheguei a idealizar un xeito de vida que me agradaba, mais a interferencia positiva e saudable da música interpúxose na miña vida e aquelas arelas desapareceron. O enclave do faro Galley Head é un lugar de soño; mais, sen desmerecer, aquí a temática fareira adquire outro nivel. Na miña vida teño visitado algúns faros emblemáticos no mundo, como o farol da Barra en San Salvador de Baía, o faro de Rabat ou o Arnish Point de Stornoway na illa Lewis das Hébridas-Escocia, entre outros.

Auténticas obras arquitectónicas con máis ou menos estética e historia que cumpriron ben a función para a que foron creadas, que é a de salvar vidas no mar. Pero aquí xa non só falamos dos faros en si, senón tamén das súas abraiantes situacións, como as de cabo Ortegal en Cariño, punta Nariga en Malpica, cabo do Home no Morrazo e cabo Vilán en Camariñas, por poñer algúns exemplos con todo o significado que tiveron na nosa costa salvando vidas. Pódense nomear moitos máis, pero de entre todos sobresae no máis alto desta lingua de terra que bica o mar a maxestosa e mítica torre de Breogán ou torre de Hércules.

O faro en funcionamento máis antigo do mundo, testemuña histórica imperturbable, situado nun lugar permanentemente harmonizado pola música incesante do noso grandioso e batente Atlántico.