Hai uns días soubemos do falecemento, aos 75 anos, dun dos grandes cantores da música de Portugal, Carlos Fausto Bordalo Gomes Dias, coñecido como Fausto. Como seguidor e admirador da súa traxectoria artística sentín un fondo pesar, entre outras cousas por non ter xa a posibilidade de velo ao vivo nalgún dos seus concertos. O seu nacemento en 1948 coincidiu a bordo do navío Patria no que viaxaban os seus pais durante unha travesía entre Portugal e Angola. Neste país africano, daquela colonia lusa, foi onde Fausto viviu a súa xuventude e comezou a andaina musical. Con 20 anos volveu a Lisboa e rematou os seus estudos universitarios licenciándose en Ciencias Políticas e Sociais. Alí afianzou a súa carreira como músico entrando en contacto cos Cantores de Intervençao, un movemento de contestación social do que chegou a formar parte despois da aparición do seu primeiro traballo discográfico, en 1970.
Fausto chegou a publicar unha ducia de álbums de longa duración, varios sinxelos e ten feito un feixe de colaboracións que ratifican a súa calidade e tamén o seu recoñecemento social. Coñecín a súa música a través do seu elepé Madrugada dos trapeiros, un fermosísimo disco editado en 1977 e que a min sempre me pareceu unha obra mestra onde o autor soubo combinar de xeito soberbio letras de marcado carácter social con músicas populares. Nese traballo aparecen cancións tan sobranceiras como Se tu fores ver o mar (Rosalinda), un canto á ecoloxía que aínda que foi concibida para un contexto concreto non deixa de ter vixencia no noso tempo. Ou a tamén popular E assím se faz Portugal, uns vão bem e outros mal, unha crítica á situación social que vivía o seu país naquel tempo convulso e aplicable a calquera outro.
Hai moitas cancións do Fausto para lembrar en toda a súa discografía e é moi destacable toda esa parte dedicada ás conquistas de alén mar reflectida en Por este rio acima, un traballo dobre moi recomendable para coñecer un anaco da historia deste país irmán. Agora o Fausto embarcou de novo e de seguro está xa no ceo dos que levan na fronte unha estrela e no bico un cantar, como Curros dicía de Rosalía. Porque como el mesmo cantaba «Atrás dos tempos vêm tempos e outros tempos hão-de vir».