Adrián Pérez Bote álzase co premio Illa Nova grazas á novela «Baixo o ceo de xeo»
CULTURA
O xurado eloxia a madurez narrativa do autor e a maneira en que traballa a fantasía épica e a ciencia ficción
08 jul 2024 . Actualizado a las 22:58 h.O escritor Adrián Pérez Bote alzouse —co respaldo unánime do xurado— coa oitava edición do premio Illa Nova de narrativa para menores de 35 anos grazas ao texto Baixo o ceo de xeo. O fallo cualifica a novela de moi orixinal en tanto que se fai cargo de toda unha tradición de literatura subxenérica que explicita e resolve «na construción dunha trama moi ben urdida e que crea un universo propio».
A obra, di o xurado, xoga con múltiples referencias lectoras e participa dunha nova corrente xeracional de narradores que traballan os imaxinarios da fantasía épica e da ciencia ficción dende un punto de vista crítico e innovador. Esta tendencia remata por se converter, no caso desta novela, nunha metarreflexión sobre a construción de mundos ficcionais.
Adrián Pérez Bote emprega un estilo expresivo e preciso, incide o fallo, que se resolve en gran cantidade de descricións orixinais sen lle restar axilidade nin fluidez ao ritmo da novela, áxil dende o comezo. Unha narrativa madura que desenvolve de xeito natural un argumentario intelixente arredor de temas diversos, como a empatía cara a outras sociedades oprimidas, o colonialismo e a crítica social e política.
A antropoloxía está tamén moi presente na obra, mediante a exposición de reflexións que enriquecen fondamente a lectura. Unha análise sociolóxica que avanza a carón dos dous personaxes principais —Roi e Raissa—, que se constrúen con profundidade, ben caracterizados e que, novamente, mostran o dominio do autor á hora de erguer a arquitectura da novela, sobre a que o fallo non escatima eloxios.
Ocupado no campo profesional da estatística, en Madrid, e, aínda que chegado de novo ao escenario das letras, a Adrián Pérez Bote sempre lle tirou a escritura. No 2010, como alumno do IES Politécnico de Vigo, acadou en Vilagarcía o segundo premio no certame Xaquina Trillo de relato curto na categoría reservada a autores de entre 13 e 18 anos. E o pasado decembro impúxose na 17.ª edición do concurso literario do Corgo Terras do Chamoso no apartado de relato co texto A defensa d’o Val.
Integrado por Iago Fernández, Miriam Ferradáns, Karla González Miravete, Iria Morgade e Pablo J. Rañales, e con Malores Villanueva como secretaria en representación de Galaxia; o xurado reuniuse nas instalacións de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, que colabora co selo vigués na convocatoria do Illa Nova co obxectivo de estimular a creación.
O gañador recibirá 3.000 euros en concepto de adianto de dereitos de autori?a. Galaxia editará a obra premiada.