índa que en moitas ocasións semella que estamos empeñados en estragar o país, Galicia segue a ser un lugar ben fermoso e resistente aos envites e desfeitas provocados por unha boa parte dos seus habitantes. Cumpría facer un profundo estudo antropolóxico para poder dar luz e tentar entender ese carácter autodestructivo que semella posuímos, sobor de todo nos últimos 100 anos. Así e todo, debemos ser un pobo ben forte cando aínda perduramos despois de tanto tempo padecendo esa desafortunada ansia de querernos facer mal a nós mesmos constantemente. E non hai que ser moi astuto para ver como estamos a transformar de xeito dexenerativo o legado material e inmaterial que nos deixaron os nosos devanceiros. Dende o punto de vista ecolóxico este país está irrecoñecíbel dende mediados do século XX. A muda que por diferentes motivos se deu de traballar, cultivar e coidar cada un dos recunchos da nosa terra, cara ao abandono de toda esa patrimonialidade tan arraigada foi un gran trauma distorsionador. Agora predomina o abandono deses lugares, o desleixo e o progresivo esquecemento desa parte da nosa historia con todas as consecuencias que isto xera. Na parte arquitectónica e referido ás nosas cidades, pobos e lugares, de poder ser un lugar único e paradisíaco pasamos a ser unha mostra de zaragalladas con pouca posibilidade de que o dano infrinxido sexa reversíbel. Con todo, a beleza das contornas axudan e maquillan as desfeitas practicadas. O preocupante é que pasa na maior parte dos eidos aos que queiramos mirar en diferentes grados, como se houbese un efecto contaxio, e seguimos nesa dinámica. Certo é que non somos os únicos en ter este tipo de problema pero semella que nestas latitudes vai a máis velocidade. Mais non é só queixarse, tamén hai que reivindicar. Fundamentalmente escribo isto pola dor que me produce ver como unha parte do noso patrimonio, como son as cruces de pedra cumiais do románico galego, están nunha situación de incuria. Hai moito polo que clamar pero desta volta e despois de ver unha boa escolma de fotografías feitas por min mesmo pensei nisto. Canto por poñer en valor e canto se nos escorrega irreversíblemente cada día que pasa.