Sempre tiven interese en escoitar, respectar e aprender das persoas maiores. Foi unha cuestión que me veu dada na educación e por pura lóxica. É perfectamente comprensible o feito do respecto e a atención, mais iso non quere dicir que tan só por ter máis idade alguén vaia ter máis intelixencia ou a razón. Certo é que o paso dos anos xunto cunha andaina vital ben trazada, axudan moito a conformar unha experiencia que sempre debería ser certificado dun traspaso de información axeitado e fiable.
A aprendizaxe na vida e a consideración a quen ten algo que ensinar por experiencia deberían ter prioridade en prol de tentar construír un mundo mellor. E isto vén sendo unha defensa con matices, porque non necesariamente sempre se cumpre, do que os nosos devanceiros nos deixaron como legado. O meu avó Bieito, coñecido nesta columna polas numerosas veces que xa teño escrito sobre el, adoitaba enumerar os días da semana como domingo, segunda feira, terza feira, cuarta feira, quinta feira e sábado. Eu xa os coñecín doutro xeito; luns, martes, mércores... Así foi como mos ensinaron na escola e esa era a norma habitual na casa. Sempre me resultou curioso ver estes dous mundos lingüísticos convivindo atrapalladamente nun tempo que non é tan distante, e de aí vén o caos que provoca irremediablemente a pregunta e o querer saber. Como ninguén me daba unha explicación clara fun á raíz da cuestión e atopei a interpretación do que estou a falar.
San Martinho de Dume, bispo de Braga e polo tanto de boa parte da Galicia no século VI, foi quen transformou a nomenclatura pagá de luns día da lúa, martes día de Marte, mércores día de Mercurio, xoves día de Xúpiter e venres día de Venus en feiras inspiradas na relixión católica e especificamente na Semana Santa por tratarse de varios días feirados consecutivos. Así pois a semana segundo el ditou comezaba no domingo ou domini (día do sol ou de Deus) e remataba no sábado ou shabat (en hebreo, día de descanso). Cousas curiosas que ás veces se aprenden casualmente grazas á tradición oral, que neste caso a min me tocou vivir directamente. Gusto das dúas maneiras de nomear os días da semana.