O festival de Ponteareas acolle a estrea da obra do mestre Rogelio Groba «Danzas gulansesas»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Rogelio Groba (Guláns, Ponteareas, 1930-A Coruña, 2022).
Rogelio Groba (Guláns, Ponteareas, 1930-A Coruña, 2022). Xoán Carlos Gil

A peza é unha suite étnica para cordas composta en 1996, inspirada nas tradicionais celebracións do rancho de reis

21 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En plena celebración da 12.ª edición do Festival Groba, a programación acadará este xoves un dos seus momentos cimeiros coa estrea da obra Danzas gulansesas, composición do mestre Rogelio Groba, a quen, por certo, homenaxea o encontro de Ponteareas. Trátase dunha suite étnica para cordas na que o afeccionado poderá desfrutar «o son dunha terra que se recoñece, se reafirma e ama na súa beleza musical», segundo destacan fontes da organización. O concerto celebrarase no Auditorio Municipal de Ponteareas ás 21.00 horas —a entrada é libre e de balde— e estará a cargo da Orquestra de Cámara Galega, baixo a batuta de Rogelio Groba Otero, fundador, director e concertino da formación e fillo do compositor.

Danzas gulansesas é unha suite étnica para cordas composta en 1996, inspirada nas tradicionais celebracións do rancho de reis. Esta obra recolle e desenvolve temas de orixe popular, capturando as esencias do folclore galego. Desta manifestación da tradición, o propio Groba apuntou, de maneira evocadora, no seu Catálogo comentado: «Os ranchos de reis compóñense de catro danzas: de castañolas, de palitroques, de arquillos e de cintas, nas que os bailaríns se van enredando entre si mentres fan soar os seus instrumentos de baile (paus ou castañolas de madeira de buxo ou de ébano), ou van entrelazando arcos de vimbia revestidos con cintas vermellas e verdes. É unha danza festiva e colorista na que eu mesmo participei nalgunhas ocasións sendo neno, como encargado de dar os sinais acústicos que servían de referencia aos meus compañeiros para cada cambio de punto, volta, etcétera». Esta conexión persoal e cultural do compositor coas tradicións galegas reflíctese na obra, facendo de Danzas gulansesas —explican os responsables do festival— «unha peza que non só é unha homenaxe ao folclore, senón tamén unha expresión vibrante e emotiva da identidade cultural galega».

Ademais da estrea, a formación interpretará a Suite para orquestra de Leo? Janácek e a obra Polas rúas de Ponteareas, tamén escrita polo mestre Groba.