Foi a finais da década de 1950 cando o empresario teatral José Tamayo, daquela director do Teatro Español de Madrid, decidiu que chegara a hora de estrear Divinas palabras de Ramón María del Valle-Inclán. Pero moi axiña descubriu que nin a linguaxe nin o argumento resultaban aceptables baixo o réxime franquista, moi pouco proclive a aceptar as liberdades críticas de don Ramón.
Non obstante, José Tamayo era un home decidido e, cando abandonou o Teatro Español, pasou a dirixir o Teatro Bellas Artes. Volveu entón coa súa teima de estrear Divinas palabras, nunha versión coidada por Gonzalo Torrente Ballester. A obra estreouse en 1961 cun enorme éxito. O autor dos esperpentos inauguraba así unha etapa de esplendor en España e fóra de España.
Despois desta obra magna, estreáronse tamén Águila de blasón en 1966 e tres obras máis en 1967: La cabeza del bautista, La enamorada del rey e La rosa de papel. Porque nese tempo Valle-Inclán xa se fixera universal con estreas en Europa e en América. En Suecia, Ingmar Bergman levara Divinas palabras á escena en 1950. E o non menos grande Orson Welles tamén quixo filmar en Galicia esta obra, con actores de primeira liña internacional, nun proxecto finalmente frustrado.
Mentres, a volta de Ramón María del Valle-Inclán seguiu a ser un éxito internacional, ata que comezou a producirse unha certa debilitación do propio teatro como arma social de denuncia e reprobación. O crítico de teatro José Monleón dedicou a isto páxinas esclarecedoras que permiten seguir a evolución do éxito universal de Valle-Inclán, pero tamén o suco do cambio que foi vindo despois, cun teatro moito menos comprometido na denuncia dos males sociais.
Un treito polo que agora avanzamos con desconcerto, quizais porque nisto consiste a evolución cíclica dos tempos. Mais a obra de Valle-Inclán segue moi viva, e ben seguro que volverá encher teatros. Somos nós os que temos que volver con el, polo noso ben cultural e polo ben do noso teatro. Porque el aínda é un mestre que non foi superado e que debe retornar.