A publicación «O Vákner. Relatos de misterio no Camiño Fisterra-Muxía» reúne as creacións distinguidas no concurso
12 sep 2024 . Actualizado a las 11:40 h.Ano 1493. O bispo armenio Mártiros relata un encontro cun monstro nos montes de Dumbría cando peregrinaba. Máis de cinco séculos despois, o Vákner «segue aumentando a súa monstruosidade xeración tras xeración», afirma o director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela. E medrará aínda máis. Á continuidade dos certames literarios Territorio Vákner engádeselle un libro que recompila as creacións distinguidas nas edicións previas do concurso: O Vákner. Relatos de misterio no Camiño Fisterra-Muxía. «Unha iniciativa que non só celebra o talento literario, senón que preserva a memoria e o legado destas creacións que durante anos foron alimentando o mito de Vákner», resaltou o alcalde de Dumbría, Raúl González.
Estas iniciativas froito do impulso de La Voz de Galicia e o Concello de Dumbría foron presentadas nun acto no Hotel Monumento San Francisco en Santiago no que tamén interviñeron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a primeira gañadora do certame na categoría de adultos, Natalia Lema. Nel, ademais, Vákner tomou vida a través da música coa actuación de tres membros de Luar na Lubre.
A publicación recolle 36 creacións distinguidas no certame Territorio Vákner acompañadas por ilustracións de Pinto & Chinto, así como de Mon Outeda. Poderá adquirirse este domingo xunto co xornal La Voz de Galicia nas edicións de Carballo, Santiago e Barbanza ao transcorrer por elas o Camiño de Fisterra e Muxía.
En canto aos certames literarios, está convocado un de ámbito escolar, que repartirá 1.500 euros en premios, e outro para maiores de 16 anos, dotado con 3.000 euros. O escolar conta con dúas seccións: primaria —cursos de quinto e sexto—, e secundaria. Poderá participar alumnado dos centros educativos dos concellos polos que transcorre a ruta na que apareceu o Vákner: Santiago, Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía. No caso dos adultos, a convocatoria está aberta a toda persoa que desexe participar. En canto ás condicións, os textos deben ser orixinais, inéditos e en galego —hai límite de dimensións—. O prazo para presentalos remata o 15 de outubro. «Estes novos creadores dan folgos para o futuro da nosa lingua e a nosa cultura», resaltou Valentín García sobre o certame. Natalia Lema animou a darlle vida literaria ao Vákner porque «o monstro pode ser todo o que queiramos».