A curta «Il compleanno di Enrico» acada o primeiro premio do FICBUEU

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

«Habitar» consigue o de mellor curta galega

15 sep 2024 . Actualizado a las 11:30 h.

Il compleanno di Enrico (O aniversario de Enrico), coprodución de Alemaña, Francia e Italia dirixida por Franceso Sossai, é a curtametraxe gañadora da Sección Oficial da 17.ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU). De entre as 29 películas a concurso, chegadas de 18 países, o xurado —composto pola serbia Tara Karajica, programadora de cinema e xornalista, a finlandesa Riina Mikkonen, tamén programadora e directora do Festival de Cinema de Tampere, e o realizador e guionista español Chema García Ibarra—concedeu a esta cinta o Primeiro Premio FICBUEU, dotado con 2.000 euros. A estoniana Saab, da directora Liisbeth Kala, unha curta que investiga a estética do aburrimento e do silencio dentro dun coche no que viaxan varias persoas, mereceu o Segundo Premio por «convidar o espectador a ser un pasaxeiro máis e mergullarnos nunha viaxe misteriosa e poética».

O xurado oficial do FICBUEU 2024 premiou dous filmes máis. Un é Aunque es de noche, de Guillermo García López, que conseguiu o galardón á mellor curtametraxe española. O outro foi Habitar, da realizadora marinense Anxos Fazáns, que levou a distinción á mellor curta galega polo seu documental sobre a construción da identidade a través do retrato de persoas transxénero e non binarias de Galicia. A súa mirada aos corpos «con tenrura» e a súa capacidade para «conseguir capturar algo tan esquivo como é a intimidade» convenceron aos membros do xurado. Recolleu o seu galardón de mans de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).