Detalle da Feira da Cebola en Sanxenxo, o pasado 4 de setembro.
Detalle da Feira da Cebola en Sanxenxo, o pasado 4 de setembro. Adrián Baúlde

01 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Se hai eventos populares de xeito xeneralizado por toda a xeografía galega son as feiras e os mercados. Acontecementos públicos que se celebran polo xeral ao ar libre e onde podemos atopar case que de todo pero especialmente produtos da terra, de proximidade así como diferentes tipos de artesanado tradicional. A maior parte das máis antigas de Galicia remóntanse á Idade Media e normalmente teñen lugar en datas ben sinaladas. Son espazos tamén de encontro e sociabilidade onde se poden xantar manxares típicos como polbo, churrasco ou carne ao caldeiro como pratos principais aínda que esa oferta tradicional foise estendendo algo máis hoxe en día.

Asemade son lugares onde cun pouco de observación pódese intuír o latexo da economía dos sitios e as comarcas onde se celebran así como tamén reparar en determinados trazos de tipo etnográfico e antropolóxico. A min particularmente gústame ver as caras da xente e o xeito que teñen de relacionarse. Son contextos onde escoitar falar en galego coas particularidades e acentos de cada lugar, algo que me parece marabilloso e de gran riqueza. Somos un pobo extraordinario e nestes pequenos detalles é onde se manifesta que portamos un grande tesouro. O meu pai que foi talabarteiro de profesión, fixo o servizo militar en Lugo por cabalería, onde tivo un gran recoñecemento profesional.

Chegaron a ofrecerlle un posto fixo no Exército para fabricar e arranxar os apeiros dos cabalos mais el decidiu que prefería ir por outro vieiro. Así pois, montou o seu propio obradoiro e cunha furgoneta DKW acudía a determinadas feiras sinaladas.

As de Becerreá e Navia de Suarna en Lugo eran dúas das súas preferidas. Tamén traballaba en Asturias e no occidente de León. Foille ben, e lembro telo acompañado nalgunha desas feiras nas que, sendo un cativo, quedaba abraiado polo dinamismo e potencialidade que tiñan. Na actualidade, sempre e cando outras ocupacións nolo permiten, imos ás feiras máis próximas para mercar froita, patacas ou produtos de proximidade, así como para desfrutar dunhas horas paseando entre os postos e, como dicía antes, observando todo ese bulir de xentes.