Vista panorámica do val de Armentón, en Arteixo.
Vista panorámica do val de Armentón, en Arteixo. Paco Rodríguez

08 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando fixemos o traslado dende o piso do barrio da Agra do Orzán na Coruña á casa na que vivimos na actualidade no Val de Armentón, en Arteixo, viñamos convencidos dun gran cambio para mellor, pero tamén con algunhas dúbidas. A obriga de ter que empregar sempre coche ou transporte público para os desprazamentos, xestionar as compras, os tempos e ata a propia climatoloxía, que non condiciona igual nunha cidade ca no campo. Os primeiros anos foron de adaptación e entendemento do lugar no que estabamos, así como de buscar o xeito de familiarizarnos cos novos hábitos cotiáns.

Tanto a miña muller coma min, aínda que vivimos sempre na cidade, tiñamos aldeas ás que iamos con frecuencia e estabamos afeitos a cuestións que noutra situación poderían resultarnos chocantes ou difíciles. Os nosos fillos eran aínda moi cativos e como sempre sucede cos rapaces, adaptáronse a todo con moita facilidade.

O lugar no que estamos vivindo dende aquela, aínda é fermoso e atrévome a dicir que dos máis auténticos da contorna coruñesa. No meu caso particular, vir vivir aquí supuxo un cambio considerábel; sempre hai que estar pendente de cousas, mais ao cabo é cuestión de saber xestionar os tempos, o traballo, e dese xeito todo se fai máis levadío.

Con todo, é un gozo poder desfrutar a tranquilidade e o bo que achega e significa estar nun espazo así. Un dos detalles que máis me gustan é escoitar e identificar os sons propios do lugar. Cada un ten as súas sonoridades, e en cada momento podemos percibir infinidade de sons se prestamos un pouco de atención. E aquí entra particularmente a nocturnidade e ese ambiente que se xera ao ceder a luz natural e tamén ao desaparecer os habituais sons diúrnos. É como pasar de páxina.

Naqueles primeiros anos moito me teño parado en escoitar sons que nunca na vida ouvira. Insectos, animais e particularmente aves que fun descubrindo e aprendendo a recoñecer. Unhas veces eran moi inquietantes, como os emitidos por rapaces nocturnas especialmente nas épocas de apareamento. Hoxe son banda sonora das miñas noites e considérome un privilexiado podendo percibir estas cousas que na cidade son máis difíciles de distinguir.