Cando se falaba de instrumentos tradicionais ou populares na música galega, ata non hai moito tempo, pensabamos na gaita coas súas variantes morfolóxicas así como nas que se distinguen tradicionalmente polas súas tonalidades: grileiras/agudas, redondas/medias e tombais/graves. Aquelas frautas de pico que nalgúns lugares do país son coñecidas coma pitos e tamén na peculiar variante das traveseiras coñecida como requinta. A icónica zanfona como instrumento medieval con moita historia recuperado a partir do estudo feito polo mestre don Faustino Santalices e reavivado grazas aos artesáns e aos músicos que puxaron teimosamente por el.
O berimbao ou trompa galega é outra das xoias do noso instrumental patrio. Un sinxelo instrumento case que esmorecido e que foi recuperado e estudado grazas á testemuña viva dos últimos tocadores e dos ferreiros que maxistralmente o replicaron dende tempo inmemorial. Nin que dicir ten que somos un país de percusións e aquí posuímos unha grande variedade de referencias tradicionais e populares entre as que están o pandeiro cadrado, a pandeira redonda, a pandeireta ou as cunchas como as máis significadas porque aquí encetaríamos un universo interminábel de ferramentas e utensilios que poden facer a función de percutivos. Neste percorrido poderiamos incluír máis instrumentos que sen ser galegos adquiriron unha gran popularidade como pode ser o caso do clarinete, o acordeón de teclas ou o de botóns ou mesmo o violín.
No caso deste último, o seu achegamento á música popular ou tradicional veu da man dos cegos que ían polas feiras cantando coplas. Os seus cantos eran unha especie de noticiario que habilmente acompañaban con algún instrumento, e o violín era un dos seus preferidos. Quedan un bo número de fotografías que testemuñan a actividade musical dos cegos por toda Galicia mais apenas quedan rexistros sonoros. O máis significativo e interesante é o que quedou de Florencio López, o cego dos Vilares (Baleira). Grazas a esas gravacións que afortunadamente se conservaron, agora é un persoeiro ao que se lle dedica estudo e incluso seguindo o seu estilo hai na actualidade un importante número de violinistas que se achegan á música galega e ao seu xeito de tocar.