O barbeiro de Corme

CULTURA

25 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Chamábase Juan Cruz Cousillas (1900-1948) e era coñecido polo alcume non negativo de Roxiño de Corme, onde naceu, viviu e faleceu. Morrer aos 48 anos é morrer moi novo. Supoño que así o percibiron moitos amigos e veciños que coñecían ben o seu xorne intelectual e o seu talento creativo. Se non me trabuco, o señor Cruz Cousillas existe hoxe, para algunhas persoas letradas, por un artigo que publicou en La Noche, de Santiago, hai case oitenta anos, o gran Ben-Cho-Shey (pseudónimo de Xosé Ramón Fernández-Oxea) co título O barbeiro de Corme (15-1-1947). É un dos grandes barbeiros da nosa historia e a nosa literatura, despois daquel que inmortalizou Castelao no seu libro Cousas.

No verán de 1947, Ben-Cho- Shey viaxou a Corme e tivo o privilexio de coñecelo e tratalo na súa barbería, que era, ademais, unha especie de ateneo moi atento á música, ás cántigas populares e a outros saberes do pobo. Na barbería, axudábanlle no oficio —conta o cronista— as súas fillas. Ben-Cho-Shey regresou de Corme cun fardel de coplas populares e refráns aprendidos naquel ateneo vilego que, logo, publicou nunha magnífica monografía titulada Cancionero y refranero de Corme que editou en 1951 a Revista de dialectología y tradiciones populares, dirixida, en Madrid, polo eminente filólogo Vicente García de Diego. O traballo de Ben-Cho-Shey, nesta revista castelá, e do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, está precedido por esta dedicatoria en galego: «En lembranza do chorado Roxiño de Corme, Juan Cruz Cousillas, músico, barbeiro e bardo».

Foi bardo popular, un fistor, realmente, e todo fai supoñer que algunhas coplas do cantigueiro de Corme publicadas por Ben-Cho-Shey son da autoría do singular barbeiro e que xa eran cantadas ou recitadas polas xentes da comarca no ano 1947.

Asombra e doe que non exista unha monografía sobre tan curioso e interesante bardo popular e que non se teña homenaxeado na súa terra axeitadamente. Teño a esperanza de que se faga o ano que vén no que a Real Academia Galega vai honrar aos creadores e transmisores do cancioneiro popular oral.