O Consello da Cultura abordará no 2025 o impacto da IA na creación

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Reunión do plenario do CCG, coa presenza do conselleiro de Cultura, José López.
Reunión do plenario do CCG, coa presenza do conselleiro de Cultura, José López. CCG

A celebración do 75.º cabodano de Castelao, a análise da situación da lingua e o patrimonio inmaterial, entre as prioridades da institución

24 oct 2024 . Actualizado a las 22:39 h.

O estudo do impacto da intelixencia artificial na creación cultural, a relación entre turismo e cultura —desde diferentes perspectivas a través de informes, xornadas e outras actividades—, a celebración do 75.º cabodano de Castelao, a análise da precaria situación da lingua galega, a defensa e a divulgación do patrimonio inmaterial e a acción exterior son algúns dos temas prioritarios que o Consello da Cultura Galega (CCG) enfrontará na súa programación para o 2025, que o plenario da entidade vén de aprobar esta semana.

O vindeiro ano, a institución que preside Rosario Álvarez abordará o avance imparable da intelixencia artificial (IA) e o seu impacto sobre a creación cultural, continuando unha liña de traballo iniciada o pasado xullo. Cunha xornada e un documento de traballo, o CCG seguirá prestando atención a como as tecnoloxías están a influír no labor de creación. Estudarase a revolución na creación, acceso e difusión, así como o impacto en aspectos como os xéneros, os mercados e a autoría.

Tamén será obxecto de análise a relación entre o turismo e a cultura, en cumprimento da función asesora do CCG. Así, realizará unha diagnose cualitativa e cuantitativa da situación actual desde distintos sectores. Analizarase tamén a imaxe que se quere proxectar de Galicia, así como os límites e posibilidades dos novos modelos turísticos. Outra das liñas de acción é a relación entre a artesanía e a industria, en particular, detallan fontes do CCG, reflexionará sobre a sostibilidade da cultura tradicional, adaptada aos novos tempos, e o aproveitamento industrial dos recursos do país.

Outro dos eixes de acción tratará sobre a situación actual da arquitectura, con actividades centradas nas construcións abandonadas (civís, industriais, militares, etcétera) e unha revisión dos criterios de conservación e rehabilitación arquitectónica.

No ámbito expositivo, inaugurarase unha mostra centrada no papel desempeñado polas mulleres na emigración, tradicionalmente invisibilizadas. Ademais, están previstas novas itinerancias nacionais e internacionais das exposicións que se manteñen activas.

As cantareiras

No 2025 conmemórase o 75.º cabodano de Castelao, unha efeméride que a institución xa está a preparar en colaboración con outras entidades. Tamén se prestará atención á música de tradición oral, en consonancia co Día das Letras Galegas que estará dedicado ás cantareiras e a poesía popular do canto. O patrimonio inmaterial será obxecto dun ciclo de actividades por todo o país, abordando in situ diversas manifestacións xeradas polas comunidades tradicionais.

A análise da situación da lingua galega continuará sendo unha das liñas de traballo habituais. Ademais doutras actividades, o Observatorio da Cultura Galega realizará unha análise das actitudes, medidas e propostas para a dinamización do galego. Complementarase con outro estudo, que medirá as necesidades para que haxa unha maior oferta de produtos culturais en lingua galega. O Observatorio tamén realizará un estudo sobre a situación do sector musical.

O Consello da Cultura Galega continuará, ademais, «coa liña de investigación e documentación da colectividade emigrada, ao tempo que se iniciarán actividades destinadas a coñecer e estreitar vínculos coas comunidades de orixe estranxeira presentes en Galicia», conclúen estas fontes.