Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Galicia celebra o canto de Amergin

CULTURA

MARCOS MÍGUEZ

María Xosé Bravo: «É como se un poema fora capaz de crear unha nación»

04 nov 2024 . Actualizado a las 19:25 h.

«Para nós e moi importante esta festa, por iso a unión que facemos coa literatura irlandesa e tamén con ese pobo irmán que foi capaz de facer dun poema, dunha canción —hoxe chamada manifesto pero sempre se chamou Canción de Amergin—, o poema fundacional da súa literatura, pero que é máis que iso: parece como se un poema fora capaz de crear unha nación. Que hai máis bonito que iso?». Palabras de María Xosé Bravo, presidenta da asociación cultural Alexandre Bóveda, na praia do Areal [oficialmente das Lapas], ao pé da torre de Hércules, tamén chamada de Breogán. Foi na terceira Festa Amergin da Poesía Atlántica, música e versos entre a area e o mar.

Caía a tardiña dun sábado de xullo. Os usuarios da praia saían e os convocados á festa chegaban. Entre eles Antonio Sandoval, ornitólogo e colaborador deste xornal, que no seu libro La torre (Kalandraka) evoca como Breogán constrúe a hoxe chamada torre de Hércules. Desde ela, un dos seus fillos, Ith, descobre unha costa ao lonxe e marcha a explorala. Así chega a Irlanda. Volve morto. O seu irmán Mil quere vinganza e organiza a expedición dos milesios, conta Sandoval, aludindo a textos celtas como o Lebor Gabála Érenn ou Libro das invasións. Mil leva consigo a Amergin, o seu fillo poeta.

Antes de entrar en combate, Amergin recita o poema que levará o seu nome, no medio dun temporal provocado polos druídas dos Tuatha Dé Danann, poboadores da illa. Os milesios están a nove ondas da costa dunha Irlanda que acabarán conquistando e poboando.

O canto de Amergin foi lido na praia do Areal pola mariscadora e poeta Teresa Ramiro. Ás súas costas adormecía o sol acubillado detrás dunhas nubes. «Eu son o vento mareiro / Eu son o golpe de mar / Eu son o océano que brúa / Eu son o cervo dos sete combates / Eu son a pinga da rosada que escintila no abrente / Eu son a máis feiticeira das herbas / Eu son o máis bravo dos porcos bravos / Eu son o salmón río arriba / Eu son a lagoa na chaira/Eu son a verba que profunda...».

Tradución de Manuel Rivas

Explicou Teresa Ramiro que este texto que agora recitaba era unha tradución feita por Manuel Rivas —entón o escritor aínda non gañara o Premio Nacional das Letras Españolas—: «A idea era que estivera aquí, e el estaría de boa gana, pero o certo é que está a bastantes quilómetros desta praia... aínda que está igualmente con nós», subliñou.

Sandoval inclúe no seu libro unha versión en castelán do poema feita «a partir de diferentes versiones en inglés moderno. ¿Se acerca lo que he fabricado al original gaélico? No lo sé... De hecho, no debe resultar nada fácil traducirlo del gaélico, pues hay notables diferencias de textos en inglés que he podido consultar. Hay también varias traducciones al castellano, y al gallego, una de ellas para el disco Mar Maior de Luar na Lubre».

Lembra que en La diosa blanca, Robert Graves propuxo unha tradución moi diferente a tódalas demais e engadiu o seguinte: «La formación poética en inglés no debería empezar por Los cuentos de Canterbury, ni con la Odisea, ni siquiera con el Génesis, sino con La canción de Amergin».

Entre lusco e fusco, Teresa Ramiro completaba o canto: «Eu son a aguzada lanza loitando contra a morte / Eu son a deusa que alumea o maxín / Quen abre paso no monte penedoso? /Quen esclarece as idades da lúa? / Quen anuncia onde será o solpor? / Quen alinda as ondas como gando no océano? / E quen alegra a vida destas ondas ? / Que tropa, que deus afía espadas na fortaleza asediada pola peste? / Queixumes das armas / Queixume do vento!». E rematou co berro coreado polos asistentes: «¡Medre Amergin!».

Ao encontro, presentado pola actriz Isabel Risco, púxolle música Paco Campos interpretando varias pezas irlandesas e galegas. Tamén actuaron Xosé Manuel Sánchez Rei e o grupo Cantos da Taberna, da asociación Alexandre Bóveda. A parte poética estivo a cargo de Laura Rey Pasandín, Rodrigo Osorio [fixo unha performance invocando a corrente do golfo, «que nós chamamos curricán»], Mercedes E. Bolaño, Antom Laia, Fernando Juan (Cone), Sara e Moira Liddall.

«A poesía é vida. É o que nos chama aquí hoxe. Poesía e música. E este proxecto que nós chamamos A Coruña literaria nace para que saiba o mundo enteiro que esta é unha cidade literaria desde a época medieval», resumía Bravo. E seguía: «Poderiamos falar dese marabilloso manuscrito que é a Biblia que se lle chama Kennicott e que nós, e non somos as únicas, reivindicamos que se chame Biblia da Coruña, que se escribiu aquí, que se iluminou aquí hai máis de 500 anos. E poderiamos falar do primeiro libro escrito en galego, das escritoras universais Rosalía, Emilia Pardo Bazán… [...] Esta é a cidade da literatura que queremos reivindicar».

Nesa literatura atlántica estaría Amergin, «el brigantino, es el primer bardo legendario del Atlántico europeo», anota Sandoval, para reflexionar: «¿Existió realmente? Nunca podremos saberlo, si bien este detalle no debe importar a los verdaderos poetas. Amergin existe. Qué más da si existió». Existe e convida a súa festa anual na praia do Areal, na contorna do faro ao que se chega pasando por diante da escultura dedicada a Breogán, o seu avó.