Luar na Lubre leva ao corazón de Asia Central a súa xira «XX. Encrucillada»
CULTURA
O grupo folk galego ofrecerá este xoves un recital no Teatro Zhas Shana da cidade kazaca de Almaty
05 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Na dilatada traxectoria de Luar na Lubre, con 38 anos de andaina musical ás costas, a súa actual xira XX. Encrucillada, homónima do último disco, amosa toda unha rara avis. Entre localizacións de concertos como Madrid, Chiclana, Antas de Ulla ou Alcoi aparece unha sorpresa: Kazaxistán. O conxunto de Bieito Romero actuará na antiga capital Almaty, aos pés da cordilleira Tian Shan. Está na fronteira con China, pura beleza cos cumios nevados e berce das mazás do mundo, tal e como o seu nome indica. Para o grupo é unha «oportunidade única», que conta co apoio da Embaixada de España en Kazaxistán, poder ofrecer este recital no Teatro Zhas Shana da cidade kazaca. Será este xoves, ás 19.00 horas, no que din que é o primeira comparecencia dun grupo galego por aquelas terras. Luar na Lubre viaxará así a sete mil quilómetros da Galicia que os viu nacer en 1986, para dar a coñecer o seu novo traballo, un libro-disco que repasa os seus temas máis emblemáticos como o icónico O son do ar. O grupo suma máis de dous mil concertos, dous discos de ouro, premios e colaboracións con artistas como The Corrs, The Waterboys e Mike Oldfield, quen a definiu no New York Times como unha das mellores bandas de folk do mundo.
Cris López sumouse como vocalista ao equipo integrado tamén por Nuria Naya, Patxi Bermúdez, Pedro Valero, Xavier Ferreiro, Xan Cerqueiro e Brais Maceiras. A poucos días de pór rumbo ao corazón de Asia Central e darse a coñecer ante aquela cultura nómade, Bieito Romero sinala: «Nós viaxamos moito. Levamos percorridos máis de 50 países do mundo en case 40 anos. Cando nos propuxeron Kazaxistán, afondamos un pouco e comprobamos que era un lugar fantástico. É unha viaxe relampo pero ao mellor é unha porta que se abre».
Falamos da gaita ou zanfona en Galicia e tamén do kobyz e dombra en Kazaxistán, instrumentos de enraizamento étnico potente. «O intercambio cultural entre países é clave, pero ten que haber propiciadores. Esta é unha cultura tan distinta... A priori, porque ao mellor despois nos encontramos con moitas cousas en común, pois os celtas veñen desa parte do mundo e tamén para os celtas son sagradas as mazás», subliña Romero aludindo a Almaty. «Todo, ao final, está interconectado e trátase de buscar as cousas que nos unen e son universais, pero tamén as que nos separan, que é onde está a verdadeira riqueza», conclúe.