O Festival Internacional de Guitarra desta pequena vila da área metropolitana do Porto aséntase coma unha referencia, coa participación de prestixiosos artistas de todo o mundo e un programa cada vez máis transversal
10 nov 2024 . Actualizado a las 00:06 h.Diogo Passos pousa a súa guitarra e mira ao par de ducias de persoas que na tarde dun xoves [a do 16 de outubro] acudiron á Fábrica de Santo Thyrso: «É incríbel estar hoxe aquí, un pracer enorme», di emocionado. «Moitas grazas a Óscar por nos convidar». Passos (guitarra clásica) conforma, xunto a Hugo Gamboias (guitarra portuguesa) o dúo IN.DIA, que protagonizou un dos pequenos concertos diarios do Festival Internacional de Santo Tirso, que transcorreu de xoves a domingo.
Pero Passos é, tamén, un fiel deste certame, que este ano cumpriu 30 anos. Ven dende cativo, cando se fixo alumno do mestre arxentino de guitarra clásica Óscar Flecha. Ese mesmo Óscar a quen lle agradece o convite e a quen esta pequena vila da área metropolitana do Porto agradece a idea de fundar un festival que está entre os destacados de todo o mundo no seu xénero. Un festival de longa historia e ducias de intrahistorias coma esta, porque é un encontro que se retroalimenta: «Procuramos novas xeracións de guitarristas e vemos con satisfacción que o público se transforma en artista», di Flecha nun portugués con acento arxentino. «É algo moi fermoso, que xa está a formar comunidades que veñen de todo Portugal e Galicia», engade Horacio Marques, director artístico da cita xunto a Flecha.
A de Flecha é unha historia á marxe, dende que chegou como mestre de guitarra a Santo Tirso hai varias décadas: «Decateime de que a situación da guitarra clásica non era boa; tirei de axenda internacional e comezamos a facer cousas, por exemplo, cos guitarristas David Russell e Leo Brouwer». Era a segunda edición, en 1996, e chamou a atención da revista británica Classical Guitar, o que catapultou o evento en distintas direccións. «Tentei enfocar a guitarra dun xeito máis libre; mantendo a atención na clásica, pero engadindo propostas a nivel pedagóxico e artístico», explica Flecha. De man do músico Pedro Caldeira Cabral, fíxose unha exhibición de instrumentos e incorporouse de cheo a guitarra portuguesa. Os directores lembran tamén as tres icónicas actuacións do xaponés Kazuhito Yamashita —unha delas, coa Orquestra de Córdoba—, a de Tuck and Patty no 2022 ou a do galego Quico Cadaval con Índigo Quintet, no 2023. «Foi memorábel, porque Cadaval estudou a fondo a nosa historia», enxalzan.
IN.DIA, clásicos en aparencia pero experimentais en son, son un exemplo de que todas as formas de guitarra teñen cabida. Máis convencional foi o grande concerto da noite —posibelmente, tamén do festival— do recoñecido músico peruano Jorge Caballero, que interpretou a Bach, Liszt e Mussorgsky. Hora e media de virtuosismo extenuante e elevadísima intensidade emocional. Esta edición tamén trouxo ao Cologne Guitar Quartet, acompañado pola soprano belga Maria Portela Larisch, ao turco Tachuri e un recital con guitarra realizado polo actor André Gago e o músico João Diogo Leitão.
A aposta polos novos formatos é clara: «Estamos a incluír outras linguaxes artísticas, coma teatro de monicreques ou cine, e mais obradoiros musicais», comenta Ana Maria Ferreira, responsable de cultura e turismo do Concello de Santo Tirso, que financia o evento. «Tras o parón da pandemia, pareceunos que así poderiamos acceder a distintos tipos de público, e está resultando. Ademais, concentrámolo todo neste espazo, que facilita a asistencia». Refírese a unha antiga fábrica de téxtiles, que reflicte a modernización de todo o val do río Ave. «Este festival, xunto co Museo Internacional de Escultura Contemporánea (MIEC), é a marca que fai de Santo Tirso unha vila coñecida en todo Portugal», explica orgullosa Ferreira.
Esculturas ao aire libre
Complementariamente á guitarra, todo Santo Tirso está salpicado pola exposición de decenas de esculturas, do MIEC (Museo Internacional de Escultura Contemporánea), que inclúe obras dos artistas galegos Fernando Casás e Manolo Paz. As mostras temporais sitúanse dentro dun edificio icónico, deseñado conxuntamente por Álvaro Siza Vieira e Eduardo Souto de Moura, nunha remodelación do impoñente mosteiro de São Bento, que data do século XVII.