O xurado elixiu «As obras póstumas» entre os 49 orixinais presentados
02 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O xornalista e escritor Diego Giráldez García (O Porriño, 1976) vén de gañar o Premio de Novela Blanco Amor con As obras póstumas. No seu fallo, o xurado destaca o estilo «directo, rico e cargado de simbolismo» da obra premiada, na que se aborda a historia dunha escritora que ante a diagnose de demencia reflexiona sobre a vida e sobre o seu traballo. A prosa elaborada de Giráldez, engade o xurado, crea unha «atmosfera estremecedora sobre o tempo e a memoria» e amosa a realidade crúa sobre o tratamento da enfermidade psiquiátrica do pasado «sen caer en estereotipos».
Organizado pola fundación á que dá nome o autor de A Esmorga coa colaboración da Deputación de Ourense, o premio conleva 15.000 euros e unha escultura de Acisclo Manzando, ademais da publicación da obra na editorial escollida polo gañador. O galardón, o máis veterano da novela en lingua galega, entregarase o 13 de decembro durante un acto literario no Liceo de Ourense previsto para as oito da tarde.
A obra de Giráldez foi elixida entre os 49 orixinais presentados, máis do dobre que os recibidos o ano pasado, cando se contaron 21. O xurado, que destacou a calidade literaria dos traballos presentados e o crecemento da participación neste premio, estivo presidido por Luis González Tosar, en representación da Fundación Blanco-Amor, e integrado polo crítico literario Xosé Manuel Eyré, o xornalista e escritor Fran Fernández Dávila e a tradutora Inés Mosquera, actuando como secretaria Inmaculada Otero Varela, filóloga e ensaísta galega.
Unha vez concluída a reunión do xurado, o presidente da Deputación, Luis Menor, comunicou por vía telefónica ao escritor a concesión deste galardón pola obra que presentou baixo o lema Contra o peito.
Giráldez publicou no 2016 seu primeiro traballo literario, Galería de saldos. No 2019 chegou ás librarías a súa primeira novela, Hotel para coleccionistas discretos; e no 2022 a segunda, O meu sangue. Este ano estreouse na narrativa infantil co conto Xulia e as cóxegas das nubes. O autor conta co premio literario Manuel Murguía e con accésits noutros galardóns.