Distingue ao artista ourensán polo seu proxecto «Entidade singular. Singular entity», do que enxalza a súa «envergadura, dimensión e ambición»
10 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Iván Nespereira (Ourense, 1978) alzouse este luns coa cuarta entrega do Premio Editorial de Fotografía Documental Galega, impulsado da man do Festival de Fotografía da Coruña FFoco, que celebra estes días a súa oitava edición. O xurado, que integran Tono Arias (Dispara), Lucía Carballeda (Galería Dupla), Marcos Ferreiro (Zlick / AmordeMadre), Sergio Marey (artista multidisciplinar, curador e xestor cultural) e Suso Vázquez (Fabulatorio), distingue ao artista ourensán polo seu proxecto Entidade singular. Singular entity, do que enxalza a súa «envergadura, dimensión e ambición». O fallo sinala a profundidade dun traballo «composto de fotografías esteticamente fortes, que darían para facer máis dun libro de calidade». O xurado valorou o absoluto respecto de Nespereira ás bases do premio á hora de presentar o material fotográfico, é dicir, «sen secuenciar e de xeito neutro; marcando o camiño pero deixando unha porta aberta á edición».
A iniciativa está promovida pola asociación recreativo cultural Acolá, que convocou o premio co apoio da Fundación MOP (Marta Ortega Pérez). Os gañadores das anteriores edicións foron Ana Paes, Ana Núñez Rodríguez e o colectivo Cadela Negra.