Alberto Gracia regresa con Novos Cinemas a Pontevedra, a cidade na que se forxou o seu imaxinario

L. Penide / G. Novás PONTEVEDRA, REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Talleres formativos. Sesión do obradoiro «Cine rachado e consciente na praza do teu pobo», que imparte o cineasta Álvaro Gago (na imaxe, con barba e camiseta de manga curta) no marco do festival pontevedrés Novos Cinemas e que conta co apoio da Universidade de Vigo.
Talleres formativos. Sesión do obradoiro «Cine rachado e consciente na praza do teu pobo», que imparte o cineasta Álvaro Gago (na imaxe, con barba e camiseta de manga curta) no marco do festival pontevedrés Novos Cinemas e que conta co apoio da Universidade de Vigo. Noa Pichel

O festival amosará ademais os traballos realizados polo alumnado da Universidade de Vigo no obradoiro que nesta edición impartiu Álvaro Gago

10 dic 2024 . Actualizado a las 11:29 h.

Coa presentación no Teatro Principal de Pontevedra dos traballos realizados polo alumnado da Universidade de Vigo no taller Cine rachado e consciente na praza do teu pobo que impartiu o cineasta Álvaro Gago (nado en Vigo en 1986, autor de Matria) arrincará na tarde deste martes en Pontevedra a novena edición do certame Novos Cinemas. As dez pezas que xurdiron desta plataforma de formación poderán verse a partir das 16.30 horas e son obra de Antón Rodríguez Vázquez, Fabiola Quintela Barba, Gala Rodríguez, Héctor Pousa Herbello, Lois Novas, Nel González, Pablo Martínez Romero, Rocío Campoy Lage e Tristán Rodríguez de Cabo.

Xa na última hora, ás 20.00 horas, alzarase o pano para a inauguración oficial do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra coa proxección da cinta La Parra, terceira longametraxe do director Alberto Gracia (Ferrol, 1978), que ten paseado por festivais de relevante talle como Róterdam, Bos Aires (Bafici) e Valladolid (Seminci), onde acadou o gran premio da sección Alquimias; e máis recentemente por Cineuropa, en Compostela, onde tamén recoñeceron o labor do cineasta galego.

Exalumno da Facultade de Belas Artes en Pontevedra —onde cursou a especialidade de escultura—, cidade na que se conformou definitivamente o seu imaxinario, o propio Alberto Gracia confesaba que lle fai «moita ilusión» regresar a Pontevedra. «É o lugar onde estudei hai moitos anos, aínda que nunca obtiven o título, o que me fai máis graza se cadra. Tamén máis ilusión. É o meu primeiro contacto con Novos Cinemas. Todo o que sexa axudar a que novas creadoras poidan ter un impulso, paréceme que é cousa boa para todos», dixo para advertir: «Unha sociedade rica non é a que ten moito diñeiro, de todos é sabido, pero si a que potencia que os vellos aprendan dos rapaces e viceversa. E isto é algo que se debería dar en todos os festivais, oficios e negocios», enfatizou.

Coa súa obra La Parra —o seu cuarto título, producido este mesmo ano— o realizador ferrolán alcanzou recoñecemento como unha das voces máis singulares do que se vén chamando Novo Cinema Galego, cun filme marcado por un enfoque experimental e unha visión profundamente persoal, e tamén cun forte compoñente autobiográfico, pois recolle parte da historia persoal de Gracia (e a súa volta a Ferrol). A través deste traballo, desenvolve un retrato enigmático dos mundos marxinais, iluminando as complexidades e os contrastes dun espazo pouco visibilizado.

Programa

Novos Cinemas proxectará un total de 39 pezas audiovisuais, «das cales nove serán estreas mundiais, dúas estreas internacionais, dez estreas en España e doce estreas en Galicia». Na sección oficial exhibiranse nove longametraxes, mentres que catro concorrerán en Latexos e outras tantas no novo apartado Ceres.

A sección oficial inclúe nove longas, entre as que se estrean en España Senhora da Serra, de João Días (Portugal), No Sleep Till, de Alexandra Simpson (Estados Unidos e Suíza), Un Pays Flammes, de Mona Convert (Francia), e XXL, de Kim Ekberg Sawandi Groskind (Suecia). E tamén as estreas en Galicia Eastern Anthems, de Matthew Wolkow e Jean-Jacques Martinod (EE.UU., Canadá e Ecuador); Los hiperbóreos, de Cristóbal León e Joaquín Cociña (Chile); Una sombra oscilante, de Celeste Rojas (Chile, Arxentina e Francia); Los capítulos perdidos, de Lorena Alvarado (Venezuela); e The Human Hibernation, de Anna Cornudella (España).