Camiño Noia: «A afouteza de Francisca Herrera Garrido levouna a ser a primeira novelista en galego»
CULTURA
«A educación burguesa castelanfalante e dun catolicismo integrista impediu que se convertese nunha grande escritora», lamenta a profesora e responsable da edición da obra da autora coruñesa
17 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.
A produción literaria de Francisca Herrera Garrido (A Coruña, 1869-1950) dispón por fin dunha rigorosa antoloxía. Da man do seu sobriño neto, José Leoncio Areal, avogado asentado en Madrid, que encargou a tarefa de poñerlle orde á profesora Camiño Noia, catedrática emérita da Universidade de Vigo, un coidado volume coa súa Obra en galego está xa nas librarías. Este luns presentouse en Oleiros, onde a familia da autora tiña residencia estival.
Areal sentía que, dalgún xeito, lle debía á súa tía un esforzo por dar a coñecer o seu traballo ás novas xeracións, por rescatar unha figura extraordinaria de entre os seus devanceiros, que, entendía, non acadara a relevancia que lle correspondía no sistema literario galego. Incluso tiña a sensación de que el mesmo, na súa xuventude, pese á admiración profesada, non lle prestara atención suficiente.
Herrera non só foi a primeira muller escollida membro de número da Real Academia Galega, en 1945, senón que a súa novela Néveda, de 1920, foi a primeira de autoría feminina escrita en galego. Precisamente, cando Xerais recuperou en 1981 aquela obra, o selo encomendoulle a Noia o proxecto. Despois, en 1986, veu o monográfico na revista Festa da Palabra Silenciada. E, un ano máis tarde, a RAG dedicoulle o Día das Letras.
Era un exemplo de audacia e forte personalidade, subliña Camiño Noia: «A súa afouteza levouna a ser a primeira novelista en galego —insiste—; fíxoo contracorrente, pese ao ambiente no que medrou e se movía, e no que era unha incomprendida. Ela decide conscientemente ser escritora galega, nun tempo aciago, sen modelos narrativos que imitar e comprometida cunha lingua carente de normativa, e só por iso xa hai que tela moi en conta e respectala», advirte.
«A educación burguesa tradicional e castelanfalante e dun catolicismo integrista na que se criou impediu que se convertese nunha grande escritora, porque tiña condicións naturais e medios para selo», di Noia, que engade: «Escribe fóra do seu tempo textos de inspiración romántica e folletinesca cargados de sentimentalidade tópica, de fonda relixiosidade e en defensa da muller na súa condición e obrigas de esposa e nai, de coidadora. Esa bagaxe pesaba, esa formación bloqueou calquera posibilidade de participación nos círculos literarios coruñeses e madrileños, onde se falaba da literatura moderna, Joyce, as vangardas, as tendencias europeas, a evolución das artes e da sociedade, un saber que a podería ter feito reflexionar e axudado a superar as ideas máis rancias do patriarcado».
Noia contou co apoio de dous bolseiros no seu labor de edición —Antía Monteagudo e Manuel Vilaboa—, que pon ao día uns textos redactados a comezos do século XX e, por tanto, cheos de apóstrofos e guións, de castelanismos e hiperenxebrismos, cun galego no que a autora, castelanfalante, «trataba de reproducir a lingua oral que escoitaba ao seu redor», moitas veces fixándose na xente que traballaba no servizo doméstico da súa casa.
A adaptación das obras —inseridas no arco cronolóxico 1913-1925— á norma actual que realizaron, explica Noia, «unha normativización entre comiñas», procurou conservar a riqueza léxica, así como as características dialectais da Coruña e Oleiros, que era onde se desenvolvía a vida da autora e cuxa fala trataba de imitar nos seus textos. «No léxico, ademais, era moi creativa, e, cando non atopaba un vocábulo, inventábao a partir dun lexema galego ou castelán».
Admiradora devota de Rosalía de Castro, ela mesma aclaraba os seus desvelos no limiar de Néveda: «Querendo un gran poema cantar, dúbidas teño, que se falo galego non me entenden, e a cantar castillán non me comprendo [...]. Ninguén ha ler o meu esquirto, nin naide ha de follar meu pensamento... abonda con deixar correr a pruma, abasta con cumprir o meu deseio. [...] Deixade, pois, que escriba como canto. Deixádeme que fale cos galegos, que son irmáns da ialma os que me escoitan e non han de asolagar nos meus defeutos».
Loa de Murguía, silencio das Irmandades da Fala
Francisca Herrera non obtivo en vida recoñecemento fóra do seu mundo —onde a alcumaban cariñosamente como Paquiña e la Literata—, e menos no que atinxe á obra en galego. Ela queixábase desa marxinación, da escasa repercusión da súa escrita. Só Manuel Murguía enxalzou a súa figura, e prestoulle axuda en varias ocasións; seguramente mediou nas súas colaboracións en La Voz de Galicia, onde, por exemplo, publicou por entregas nos anos vinte a novela en castelán Familia de lobos. As loas de Murguía repetíronse despois co profesor Carballo Calero. Pero as Irmandades da Fala, movemento do seu tempo, gardaron silencio, non chegaron a considerala nin valoraron o seu ousado esforzo por escribir en galego. Probablemente prexudicouna o feito de que era muller de misa diaria, e allea aos debates sociais e políticos. Nin tiña o feminismo de Pardo Bazán nin ía á raíz dos problemas e da denuncia como Rosalía de Castro, di Noia: «Na súa obra só hai unha descrición dos padeceres da muller galega (as violadas, a súa vida miserable, a falta de educación, o abandono polo esposo emigrado...) desde o punto de vista da conmiseración cristiá. Nunca as instará a rebelarse, xa que entende que a situación entraba dentro do normal».