Cúmprese o centenario do nacemento do ilustre galeguista
19 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A piques de rematar o ano do centenario do nacemento de Alfonso Zulueta de Haz (1924-2017), a Casa Galega da Cultura de Vigo acolleu onte unha homenaxe á súa senlleira figura, organizada pola Fundación Penzol, o Consello da Cultura Galega e a editorial SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos).
Zulueta de Haz desenvolveu en vida un amplo abano de actividades sociais, políticas e culturais, sempre dende unha perspectiva galeguista e universalista. Entre outras moitas responsabilidades, exerceu a presidencia do Consello da Cultura Galega, foi cofundador do Partido Galego Socialdemócrata, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, e presidiu tamén a Fundación Penzol e a Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos, e creou, xunto coa súa dona, Teresa Fernández Cabaleiro, a Asociación Juan XXIII dedicada á atención de discapacitados intelectuais, e a Fundación Sálvora, de asesoramento ás súas familias. Tamén foi vicepresidente da Editorial Galaxia e membro do Instituto de Estudios Vigueses, ao tempo que colaborou noutras moitas entidades nos ámbitos social e cultural.
O encontro serviu para presentar a obra Alfonso Zulueta de Haz. Unha humanidade vivida, publicada baixo a edición de Antón Vidal Andión. No libro participaron Manuel Puga Pereira, presidente do padroado da Fundación Penzol; o propio Antón Vidal, presidente do consello de administración de Galaxia; Silvestre Gómez Xurxo, da editorial SEPT; e Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega. Os catro —autores do libro; non estaban todos— protagonizaron o acto, xunto ao concelleiro de Cultura de Vigo, Gorka Gómez.
Manuel Puga subliñou a xenerosidade de Zulueta de Haz e o seu labor na renovación xeracional de Penzol. «Cumpriu fielmente a misión encomendada polo fundador e tivo un papel fundamental na potenciación da Penzol como centro de investigación», afirmou Puga.
A tradución da Biblia ao galego
Pola súa banda, Gómez Xurxo destacou a renovación emprendida polo homenaxeado cando foi elixido presidente da editorial SEPT. «El e Francisco Domínguez foron os impulsores do gran fito da editorial, a tradución da Biblia ao galego», lembrou o editor, que avanzou que para o ano xa estará dispoñible unha edición dixital do libro.
Vidal, que destacou a elegancia en todos os aspectos de Zulueta, percorreu cinco etapas vitais do notario e intelectual, resaltando a súa participación na creación do Ateneo de Pontevedra a e súa condición de cristián conciliar.
Finalmente, Álvarez ensarillou as achegas de Zulueta durante a súa presidencia do Consello da Cultura. «Tivo a sensibilidade precisa para acoller a proposta de crear unha comisión técnica de xénero, chamada en primeira instancia a promover a igualdade dentro da institución», explicou a súa presidenta actual.
Ao acto, que se desenvolveu na Casa Galega da Cultura de Vigo, sede da Fundación Penzol, acudiron representantes de distintos eidos da cultura galega.