Unha chamada ao compromiso

María Xosé Fernández Cerviño

CULTURA

28 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O próximo 7 de xaneiro vaise celebrar en Bonaval un acto cívico que, en torno ao aniversario da súa morte, servirá como apertura do ano dedicado á figura do político e polifacético Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Non cabe dúbida de que a decisión adoptada por unanimidade dos grupos políticos presentes no Parlamento, a proposta da Xunta de Galicia, é un acerto, por iso todas as entidades da cultura que temos un compromiso coa nosa Terra estamos convocadas a participar nesta celebración, e habemos poñer os nosos mellores esforzos para conmemorala, igual que fixemos no 2023 co centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos.

Pero os actos institucionais e culturais non contribuirán en nada se este compromiso non se estende por Galicia adiante para ser asumido pola sociedade toda. Pois non se trata só de revisar e afondar nas distintas facetas da ben coñecida personalidade e actividade de Castelao; non se trata só de renovar un deber de responsabilidade para coa herdanza que nos confiou, na que se encerran algúns preceptos clave para seguirmos pensando cara a onde queremos ir. Coido que esta celebración nos pon diante dunha consideración rigorosa sobre o país que debemos construír, e isto non se logra renovando mecanicamente, como conxuros, as máximas gravadas en ouro nos monumentos, senón creando novas fórmulas que, sen debilitar os vínculos co legado da nosa Historia, sexan válidas para construír un futuro fundado na liberdade e o ben común.

No empíreo galaico reinan sen discusión Rosalía e Castelao, son quizais as únicas figuras capaces de suscitar o consenso, pero penso que nin unha nin outro se sentirían cómodos véndose canonizados, colocados nun pedestal a vinte pés sobre o chan no que habitamos as galegas e galegos de hoxe. O seu foi un compromiso activo e efectivo coa Galicia e a sociedade do seu tempo.

Advirte Lourenzo Fernández Prieto do risco de confundir pasado, memoria, historia e ficción literaria. Só unha comprensión cabal do pasado, que evite a tentación de manipular a memoria para arrimar a ascua á sardiña de cadaquén, nos permitirá afrontar con honestidade, como pobo con conciencia de nós, a construción do futuro colectivo.

María Xosé Fernández Cerviño é vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego