Na teima de valorizar un xeito particular de facer que marcou a historia musical de Galicia, ando a darlle voltas e tentando compilar, na medida das miñas posibilidades, parte relevante do acontecido dende finais dos anos 70 até a actualidade. Trátase dunha tarefa complexa. Falamos dun suceso culturalmente transcendental do que, no noso país e como con moitas outras cousas, se non se apuntala soe esvaecerse ata o esquecemento. É por iso que nun lugar de desmemoriados e onde o desleixo campa, hai que tentar deixar teimuda constancia das cousas para que non desaparezan. Estoume referindo ao fenómeno musical do folk en Galicia, particularmente na súa vertente célta con todo o que supuxo para a valorización da nosa música e o importante que foi á hora de dignificala e internacionalizala por diferentes vías e plataformas.
Nunca se viviu un fenómeno de eclosión e popularidade, xurdido dende a iniciativa popular, como o vivido naqueles non tan afastados anos 90. Algo que debería terse convertido nun fenómeno digno de análise e estudo. Grupos e distintos tipos de formacións así como festivais, casas discográficas, produtoras e promotores, tanto de Galicia como de fóra, puxeron o foco no que estaba a suceder aquí. Foron momentos de efervescencia propiciados por diferentes factores e circunstancias. A música folk galega semellaba estar de moda no Estado e incluso máis alá. Mais aquilo que subiu inevitabelmente baixou de xeito que a maioría das propostas foron esvaecéndose co paso do tempo, quizais por non ser quen de apuntalalo para cando chegasen momentos delicados. Foron moitos recoñecementos os que teñen chegado dende fóra e tamén se escoitaba aquel rumor de «a onde ides con esta música».
Na liña dos acontecementos lembrei tamén a anécdota daquel cargo galego ao que o seu homólogo doutra comunidade lle preguntaba como fixera para que a nosa música folk transcendera a nivel estatal e internacional de xeito tan significativo; ao de aquí colleuno por sorpresa e non soubo moi ben do que lle estaba a falar. Agora con máis músicos e propostas estamos nunha tesitura diferente á daquel tempo pero é probábel que poida repetirse de novo porque todo soe ser cíclico. A pregunta é: aprenderíamos algo?